DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As artistas Alba Blanco e Amaya González abren as xornadas de performance Chámalle X

Un pouco de xiz e uns zapatos de xeo, material indispensable para volver á infancia

‘Chumba 3’ e ‘Alegoría’ foron as súas apostas para conmemorar os 10 anos de historia desta rompedor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 13/09/2013

Ducias e ducias de persoas quedaron coa boca aberta na praza de España ao ver como unha doce rapaza tentaba escribir con xiz unha pequena historia no chan. “Érase unha vez” era o único que Alba Blanco conseguiu escribir con claridade. Ao seu carón había outras tres mozas que sen reparo algún borraban, cos seus zapatos de xeo, as verbas que a artista intentaba rotular. Pouco antes, na praza da Peregrina, Amaya González xogaba coa cor dourada e con diferentes materiais na que foi a primeira das performances do Chámalle X deste ano.

A través de Chumba 3 Alba Blanco intentou achegar de novo á infancia aos seus espectadores. “Os contos son o eixo de todas as miñas performances”, explica a artista. O obxectivo de Blanco este venres foi precisamente buscar no interior dos pontevedreses e pontevedresas “a ese neno ou nena que todos e todas levamos dentro e, xogar ao mesmo tempo, coas súas ilusións e fantasías”. Os zapatos de xeo e as trenzas que levaban nas pernas as tres mozas que acompañaban á artista eran o único impedimento para que esta acadase o seu obxectivo.

Pola súa banda, a Alegoría de Amaya González deixou que cada quen interpretase o significado desa cor dourada que a acompañou durante unha boa parte da tarde. Coa súa actuación, González fíxolle unha clara chiscadela ás artes plásticas e ao teatro coa idea de implicar ao público no seu espectáculo.

Pór en valor un traballo ben feito

Tanto Alba Blanco como Amaya González agradeceron a posibilidade de participar no décimo aniversario das xornadas de performance Chámalle X. Para ambas as dúas, formar parte dun certame de gran prestixio e traxectoria coma este “é un luxo e unha oportunidade única”. Blanco emociónase ao compartir cartel con antigas compañeiras e amigas de Belas Artes e recoñece que “é moi arriscado facer unha actividade coma esta na vía pública xa que nunca sabes como vai reaccionar a xente”. Precisamente da relación que se crea co público falou González quen salienta que “son os pícaros e pícaras quen teñen menos prexuízos á hora de achegárseche e preguntarche simple que é o que estás a facer”. Con todo, a artista recoñece que o grado de participación depende moito do tipo de performance que se presente e tamén do lugar no que se represente.