DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pavillón de Deportes acollerá a vindeira semana dúas actividades destas modalidades

Un pouco de zumba e 'spinning' para manter o ritmo en xuño

As sesións serán abertas ás persoas interesadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 07/06/2017
Co curso académico 2016/2017 na súa recta final, a Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense quere animar á comunidade universitaria a manter o “ritmo” na práctica deportiva. Con este obxectivo, a vindeira semana, concretamente o luns 12 de xuño e martes 13, levarán a cabo dúas actividades destinadas a fomentar o exercicio físico nas que se combinará deporte e diversión. Trátase dunha sesión de spinning, onde o ritmo o marcará en directo e coa súa batería o músico Isidro Freijeiro e o monitor Juanixo, e unha sesión de zumba a cargo de dúas monitoras de Aqa Ourense. A sesión de spinning será o luns, ás 21.00 h, e o número de prazas estará limitado a 35. Pola súa banda, a master class de zumba comezará ás 20.00 h e neste caso non haberá límite de prazas, tendo que as persoas interesadas só presentarse antes do seu inicio coa indumentaria axeitada para realizar este tipo de exercicio. Esta master class, explican desde a área organizadora, é xa unha cita tradicional no seu calendario anual e con ela preténdese pór un broche divertido á programación deportiva deste curso académico. As dúas actividades, abertas a todas as persoas interesadas sexan ou non membros da comunidade universitaria, celebraranse no Pavillón de Deportes do campus de Ourense.