DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O responsable da Unidade Médica ofrece unha serie de consellos para evitar complicacións na saúde

A práctica de deporte no verán require hidratación e protección corporal

É necesario beber antes, durante e despois da realización dos exercicios

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 29/06/2011
Chega o verán e con el máis tempo de ocio que se pode aproveitar para practicar algún deporte. Sen embargo, as elevadas temperaturas que se están a producir obrigan a tomar unha serie de precaucións para evitar correr riscos para a saúde, desde a deshidratación ata os chamados golpes de calor. Hidratación antes, durante e despois do exercicio e proteccións físicas fronte o sol, como gorro, gafas e protección solar, son algunhas das recomendación que fai Juan José Crespo, especialista en Medicina da Educación Física e Deporte e responsable da Unidade Médica do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.

“Un nivel adecuado de actividade física produce beneficios incontestables para a saúde pero a actividade fisico-deportiva, como toda actividade humana, pode presentar algún risco. Así, en clima caloroso e sobre todo húmido (previsto para este verán polos centros de meteoroloxía), é moi importante coñecer as precaucións que poden evitar accidentes”, advirte Juan José Crespo.

Cando o organismo realiza un esforzo como é practicar un deporte, explica, xera enerxía e un 80% desa enerxía convértese en calor. Para disipar esa calor o corpo conta con dous mecanismos principais: radiación ao exterior (fácil en inverno pero moi difícil se a temperatura ambiente é maior de 30ºC) e a evaporación do suor producido (fácil en ambiente seco pero moi difícil con humidade superior ao 60% e sobre todo se estamos deshidratados ou moi tapados). “Por iso cando as condicións de temperatura e humidade son elevadas existe risco de que aparezan cadros clínicos coma a deshidratación, cambras, esgotamento ou o temido golpe de calor”, apunta.

Consellos

Ante este risco, o responsable da Unidade Médica salienta que o mellor xeito de hidratarse para realizar exercicio/deporte de máis dunha hora de duración é beber 0,5 litros nas dúas horas anteriores, cada 15-20 minutos durante o esforzo e ao finalizar o adestramento ou competición inserir a mesma cantidade ou máis do peso perdido. Así, se se perde 1 quilo débese beber entre 1 e 1,5 litros de auga, bebida isotónica, zume ou bebida sen alcol.

“Hai que beber de xeito planificado antes de ter a sensación de sede; refrescarse con auga durante o esforzo e protexerse fronte ao sol (gorra, gafas de sol axeitadas e crema de protección solar cun factor superior a 15)”, aconsella Juan José Crespo. Con estas recomendacións, destaca, os deportistas recreacionais poden evitar problemas e os que compiten poden aclimatarse á calor nun período non superior a oito días evitando riscos para a súa saúde.

Polo que respecta ás persoas que padecen enfermidades crónicas (diabéticos, cardiópatas, broncópatas, hipertensos, etc.), os nenos e nenas e o grupo de persoas anciás, este especialista apunta que teñen maior risco de presentar problemas e que polo tanto deberían evitar o exercicio/deporte os días moi calorosos, salvo que o realicen en lugares climatizados ou en medio acuático, coma no mar ou nunha piscina.