DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se puxo de manifesto na “Xornada Deporte e Discapacidade”

A práctica deportiva reafírmase como unha vía importante para a integración dos discapacitados na sociedade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 19/11/2008

Os beneficios que a práctica deportiva proporciona ás persoas discapacitadas foron o eixo da Xornada Deporte e Discapacidade que promove a Fundación Menela e a Universidade de Vigo. Con achegas desde o campo das federacións, as organizacións, o xornalismo, a psicoloxía deportiva ou a dos propios deportistas quedou de manifesto que o deporte é unha vía moi poderosa para a integración das persoas con discapacidade, xa sexa psíquica ou física, como membros activos da sociedade. A xornada foi inaugurada pola secretaria xeral de Benestar da Xunta, María Xesús Lago, quen considerou que estas iniciativas “posibilitan a normalización e sensibilización da sociedade ante os discapacitados”. Tamén estivo na inauguración o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, que afirmou que a Universidade non é só “un foro de coñecementos por coñecementos, senón unha entidade para concienciar a toda a sociedade”. Ao mesmo tempo, o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Jiménez, considerou o deporte como “un elemento básico para o desenvolvemento das persoas con discapacidade”.
Elías Palacio abriu a xornada coa explicación do labor e dos obxectivos de Special Olimpics, unha organización internacional dedicada á promoción do deporte para persoas discapacitadas. Logo de 40 anos de historia, concentra a máis de un millón e medio de deportistas de máis de 151 países que compiten en 24 disciplinas. Todas as súa actividades están dirixidas “á aceptación das persoas con discapacidade intelectual nun ámbito normalizado, porque moitas veces somos os demais, e non as súas limitacións, quenes producimos as barreiras”, indicou Palacio. Na descrición do labor de Special Olimpics destacou a súa misión para “o adestramento e competición deportiva de forma continua e normalizada” ademais da organización de campionatos nos que “todos os participantes teñan posibilidades reais de gañar”. Algo que Special Olimpics consigue mediante un principio inquebrantable, “a adaptación da proba á persoa, non da persoa á proba”, segundo apuntou Palacio. Todas estas ideas principais veñen reflexadas no xuramento dos atletas: “quero gañar pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.
A outra organización presentada nas exposicións deste mércores foi a Federación Galega de Deporte para Persoas con Discapacidade Intelectual (FEGADDI). O seu presidente, Alfonso González, considerou a práctica deportiva como “unha oportunidade para que cada persoa poida incorporarse de forma activa á sociedade”. A FEGADDI conta actualmente con máis de 500 licencias ás que hai que engadir uns 200 deportistas en idade escolar e 21 clubes. A pesar destes números, González apuntou que “aínda hai moito que facer porque non se considera ás persoas con discapacidade intelectual como cidadáns de primeira” e sinalou os técnicos como “o gran hándicap da federación” xa que aínda hai moitas escolas sen adestradores profesionales.

Álvaro Illobre, un pioneiro

Nun discurso que pretende abordar a cuestión da práctica deportiva entre a poboación discapacitada non podía faltar a voz dun atleta paralímpico. Por iso, Álvaro Illobre, campión de España de tenis en cadeira de rodas e participante nos tres últimos Xogos Paralímpicos, achegou a súa experiencia. Illobre, que padece unha osteogénesis imperfectada que lle diagnosticaron cando tiña dous anos, foi probando diferentes modalidades que lle permitisen manter a fortaleza das pernas e non requirisen moito contacto físico ata dar co tenis en cadeira de rodas. Foi un pioneiro en Galicia o que lle obrigou a buscarse adestrador, pistas nas que prepararse e conseguir os medios para asistir ás competicións. O deportista sinalou que o deporte abriulle “un mundo de posibilidades, non só pola mellora física senón pola integración na sociedade” e confiou en que as condicións para os sete xogadores que actualmente practican tenis en Galicia, vaian mellorando cada vez máis.

A vertente psicolóxica e o rol dos medios

A parte máis académica dos relatorios da xornada comezou coa intervención do profesor da Universidade e psicólogo deportivo, Joaquín Dosil, que detallou a importancia do deporte para o desenvolvemento psicolóxico e físico. Entre eles, Dosil sinalou aqueles “intrínsecos ao deportista” como o de plenitude pola práctica deportiva ou a diversión. Entre as eivas da preparación para os deportistas paralímpicos, o profesor apuntou “a falta de formación específica dos adestradores para traballar con discapacitados e o pobre calendario de competicións”. A continuación, chegou o momento de analizar o rol dos medios de comunicación á hora de difundir as as actividades deportivas dos discapacitados. Esa análise veu da mán do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, José Villanueva, que se basou nun estudo anual sobre o tratamento dos medios. Acotado ao campo deportivo, no baleirado de todo un ano, atopáronse só 13 noticias de entre as 13 cabeceiras galegas de información xeral. Como indicou Villanueva “dada a importancia dos medios de comunicación para construír a realidade social, é tan importante que as persoas con discapacidade aparezan nos medios como o xeito en que se trate e onde”. Para rematar, o xornalista propuxo algunhas recomendacións para os medios e para achegar as organizacións aos xornalistas.
A sesión da mañá foi pechada por José Luís Fernández, director de comunicación de Gadisa que falou do labor da súa empresa como patrocinadora do equipo paralímpico español. Fernández achegou a fórmula máxica da inversión no eido deportivo que consigue conxugar “beneficios para a sociedade e a propia compañía que coida a súa responsabilidade social e fideliza ao cliente”. O plan ADOP no que a empresa alimenticia acolle a 390 deportistas e 135 adestradores cuns 17 millóns de euros de presuposto.

Exhibicións deportivas

Xa pola tarde chegou o turno das actividades deportivas coas que se pon fin á xornada e ao ciclo de sensibilización que se desenvolveu ao longo de dous meses nos tres campus da Universidade. As rapazas do Club Santiago Apóstol realizaron unha exhibición de ximnasia rítmica e a continuación o Pontevedra FC enfrontouse nun partidillo amigable a Asociación Juan XXIII.