DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura acolle o II Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Depo

A práctica deportiva sucumbe ao poder da mente

O 27 e o 28 de outubro, expertos afondarán na influencia da parte emocional no rendemento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 21/10/2011

A ninguén se lle escapa que o benestar dos e das profesionais do deporte pasa por un bo adestramento físico e mental, unha cuestión que centrará o II Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte que se celebrará os días 27 e o 28 de outubro no Pazo de Congresos de Pontevedra. Nas sesións do congreso expertos nacionais achegarán os beneficios da psicoloxía tanto a adestradores como a deportistas “pois está máis que demostrado que a parte mental é vital no rendemento de todas as persoas que practican deporte”, explica Joaquín Dosil, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do congreso.

Organizado pola Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, SIPD, e pola Unidade de Psicoloxía do Deporte de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo, o congreso nace co obxectivo de trasladar as teorías científicas que demostran os beneficios dos exercicios mentais á realidade diaria do deporte mediante a transferencia de coñecemento. “Trátase de crear un punto de encontro entre os dous mundos para que os profesionais poidan acadar unha formación que poida ser aplicada en esa área de rendemento”, sinala Dosil.

Mestura de conferencias, mesas redondas e obradoiros

Cun enfoque práctico, conferencias, simposios, mesas redondas e obradoiros teñen o mesmo peso no programa, “para achegar a psicoloxía do deporte ás realidades das demandas dos deportistas” aclara Dosil. Mentres que o primeiro día estará dedicado á preparación psicolóxica dos adestradores, na segunda xornada os expertos debaterán sobre a dos e das deportistas. A conferencia inaugural correrá a cargo de Luis Casáis, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, co título Aplicar la psicología como entrenador. A continuación, o propio Casáis coordinará unha reunión de expertos na que tratarán o traballo en equipo e a influencia no rendemento do clima no vestiario. Tamén se celebrarán tres seminarios que afondarán, entre outros temas, na adaptación de técnicas psicolóxicas ao adestramento diario ou na xestión da relación entre pais de deportistas e adestradores.

O segundo día sucederanse as intervencións de deportistas de primeiro nivel que darán a coñecer os seus enfoques e experiencias no mundo da competición. O ex-ciclista Óscar Pereiro; Alejandro Gómez, referente do atletismo galego especializado en probas de fondo, e Ignacio Iglesias, único árbitro galego en Primeira División, participarán na mesa de debate dedicada aos deportistas. Nesta xornada tampouco faltarán os obradoiros nos que se facilitarán técnicas mentais para aplicar no campo, ademais dunha conferencia sobre o estado psicolóxico dos deportistas unha vez que abandonan o alto rendemento. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete, clausurará o congreso.