DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María José Bravo e Ana Pita asinaron un convenio que dá acubillo á actividade por terceiro ano conse

Prácticas formativas na administración autonómica para 20 estudantes de Dereito e Relacións Laborais

Desenvolverán a súa actividade en oito servizos do departamento territorial

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 04/02/2015

20 alumnas dos graos de Dereito e Relacións Laborais da Universidade de Vigo desenvolverán ata o mes de abril as súas prácticas formativas en oito servizos da administración autonómica en Vigo. A delegada territorial a Xunta na cidade, María José Bravo Bosch e a decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ana Pita, foron as encargadas de dar a benvida á primeira quenda de estudantes que realizarán as súas prácticas ata finais deste mes e que serán relevadas por outro grupo de alumnas que se formarán ata finais de abril.

Co obxectivo de facilitar a preparación do estudantado para o exercicio profesional en áreas operativas de empresas relacionadas coa súa formación universitaria e as posibles saídas profesionais, as alumnas formaranse tanto na Delegación da Xunta, como no resto de servizos que están fóra do edificio administrativo, como as oficinas de emprego, o SMAC ou a Oficina do Empregador de Vigo. ‘’É un valor que cómpre explotar na maior medida posible e especialmente no eido da formación e a capacitación, claves para facer fronte a o mercado laboral”, dixo Bravo no acto de benvida ás estudantes.

Froito da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Vigo asinouse un convenio de cooperación educativa entre a Consellería de Traballo e Benestar e a institución académica. Esta é a terceira edición deste proxecto formativo, ao longo do que as participantes, doce na primeira quenda e oito na segunda, poderán acadar unha visión e coñecemento básico das principais funcións do traballo administrativo e de xestión no eido das competencias da Consellería, en materias como as xurídico- administrativas, xestión de persoal, xestión económica e orzamentaria, dereito de familia e menores ou dependencia.