DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha experiencia única a nivel estatal

As prácticas de Medicina dependerán administrativamente de cada universidade

Os tres reitores e as consellerías de Educación e Sanidade asinaron o acordo de docencia médica

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 26/02/2010
As prácticas de Medicina dependerán administrativamente a partir do próximo curso da universidade á que estea adscrito o hospital onde se cursan. Así se establece no acordo de colaboración asinado estes venres polos tres reitores das universidades galegas e os conselleiros de Educación e Sanidade, que confirmaron tamén a creación dunha comisión conxunta para planificar o próximo curso e establecer que profesores serán os encargados de dar a formación nos hospitais galegos.
O acordo, asinado en Santiago de Compostela, crea tamén a figura do Profesor Colaborador Docente que, tal como explicou o reitor vigués, Alberto Gago, dependerá administrativamente da universidade a que pertenza o hospital onde preste os seus servizos, aínda que a coordinación docente será responsabilidade da Universidade de Santiago en todos os casos, para que así haxa “a mesma docencia”.
“O importante é a colaboración das universidades de Galicia nunha dirección compartida que aspira a máis”, destacou Gago, que, ademais de subliñar que se trata dunha experiencia única en todo o país, apuntou tamén que este acordo é “unha solución que compaxina a participación e a descentralización, garantindo a coordinación académica”.

Unha Comisión Mixta avaliará as necesidades da docencia clínica

Mediante este acordo créase unha Comisión Mixta Paritaria do Sistema Universitario Galego para a Docencia Clínica, na que participarán representantes de Educación, Sanidades e as tres universidades, que se encargará de avaliar cada ano as necesidades de docencia clínica para o conxunto de títulos de Ciencias da Saúde e planificar as convocatorias de docentes de prácticas.
Xunto a isto queda tamén determinado que, a partir do próximo curso, a docencia clínica de Medicina será impartida nos hospitais universitarios coa participación de outros centros da rede do Sergas, na que exercerán tanto o profesor docente investigador coma o profesor colaborador docente.
A Comisión Mixta creada para desenvolver esta “folla de ruta” reunirase por primeira vez o próximo venres día 5 de marzo co obxectivo de realizar a “definición legal” do profesor colaborador docente, “unha figura que supón un salto moi importante e que agora hai que definir con precisión”, subliñou Gago.
De maneira anual a Comisión Mixta analizará as “necesidades” de docencia en cada centro e realizará un informe anual de actividades programadas e desenvolvidas dentro da adaptación a grao da titulación. Así a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, apuntou a necesidade de que as comisións docentes “se poñan a traballar desde xa para deseñar o entorno de formación para o próximo curso, ao que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, engadiu “o acordo reforza o espírito de colaboración” do SUG e “aumenta a eficiencia e eficacia dos sistema sen que isto supoña menoscabo da identidade de cada universidade”.
Os asinantes coincidiron na necesidade de que se analice curso a curso o número de profesores necesarios en función do alumnado de Medicina e deixaron aberta a posibilidade de impartir formación teórica nos centros onde os estudantes están realizando as prácticas.