DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os días 25 e 27 na Facultade de Belas Artes

As prácticas de simulación actuarán como fío condutor da programación de "Chámalle X"

O ciclo conta con dúas novas seccións: "País invitado" e "A acción no vídeo"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 24/11/2008
Camino Carballeira | Pontevedra
As prácticas que constitúen un estado de simulación e as representacións do falso serán o fío condutor da quinta edición de Chámalle X que este martes comeza. Cunha combinación de accións e conferencias, o ciclo afondará en diferentes aspectos da arte en acción e do seu estado, un campo cultural que está de actualidade tralo anuncio de concesión do Premio Nacional de Artes Plásticas que cada ano outorga o Ministerio de Cultura, á performer Esther Ferrer. En Chámalle X os planos superpóñense e a maridaxe de accións e conferencias mestúrase coas performances que entran en concurso e aquelas que quedan baixo comisariado. Deste xeito, ao longo dos tres días, se realizará a presentación das catro performances que o xurado integrado por Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra; Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes; Carlos Tejo, director das xornadas; e Agar Ledo, responsable de exposicións do Marco, seleccionou para a sección de concurso. A primeira delas realizarase o martes, de 13.30 a 14.30 horas no vestíbulo da facultade cando Zaida Gómez e Julio Fernández comecen a buscar persoas voluntarias para participar na súa acción, Faite público. A representación galega virá da man da performance de Ana Gesto, ex alumna da Facultade, que presentará a súa performance Manto nocturno. Sera o mércores, día no que tamén intervirá o grupo de accións Ad-Hoc con As horas. Paréntese, de Víctor Bonet e Sobre a espada manda o corazón, de Velvet&Crochet serán presentadas o xoves. Dentro do apartado de comisariado, José Iges, Pepe Murciego e David Crespo achegarán as súas aportacións na reflexión sobre o falso.
Nesta quinta edición, Chámalle X volve con forzas renovadas e derruba fronteiras. Así, inaugura unha nova sección, a de país invitado, e nesta ocasión ofréce a posibilidade de coñecer o estado das performances en Portugal. Segundo, Tejo, esta sección “nace con votade de quedar como sección estable” e estará representada polo director do espazo Maus Hábitos, Daniel Pires, que ofrecerá a conferencia inaugural, e as accións de Joao Samoes, Fernando Aguiar, Nuno Oliveira e Margarida Chambel. Outra acabada de chegar é a sección A acción en vídeo ou o vídeo da acción que analizará a influencia deste medio no proceso performativo; desde o seu emprego como un simple soporte ata os casos nos que dá lugar ao que xa se coñece como videoperformance. Neste campo, catro artistas españois (Joan Morey, Antonio Ortega, Alaitz Arenzana e Maria Ibarretxe e Estíbaliz Sádaba) presentarán as súas experiencias.

Un proxecto pretendidamente modesto

Na presentación do ciclo o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, sinalou que nestes cinco anos, Chámalle X, “está dando a posibilidade de ver a arte de xeito multifacético e permite disfrutar en Pontevedra de arte moi alternativa”. Pola súa parte, Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes, recordou que xa desde o primeiro ano “a proposta era facer algo pequeno pero intenso porque a arte en acción require un tratamento a pequena escala”. Ao mesmo tempo, destacou a importancia das actividades en dúas vertientes, “a parte académica” propia da universidade para “útil para as actividades docentes” pero tamén “con forza cara a fóra da Facultade”.

O Marco e o CGAC únense á Universidade

Como en anteriores edicións o Museo de Arte Contemporánea de Vigo e o Centro Galego de Arte Contemporánea colaboran e intégranse na programación prevista para estes tres días. A comisaria do ciclo Arte no parque que cada mes de agosto se celebra no Parque de Bonaval fará a presentación da experiencia do CGAC con este tipo de actividades e detallará os traballos que María Marticorena, Miguel Noguera, María Gil e Féliz Fernández teñen realizado no marco deste ciclo. Tamén se presentará o proxecto Tábula Rasa. O xoves será o momento de coñecer os contidos vencellados cos procesos performativos que impulsou o Marco cun relatorio a cargo da responsable de exposicións do Marco, Agar Ledo.

Horarios e programación completa en http://belasartes.uvigo.es/chamallex/