DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O humorista italiano verteu duras críticas ao machismo de Berlusconi

Un dos pratos fortes da MITEU, Leo Bassi, chega a Ourense coa obra "La Revelación"

Máis de 120000 persoas viron xa o espectáculo por toda España

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 17/04/2008

O coñecido humorista italiano Leo Bassi é un home que provén do circo e que en cada frase fai alusión a ese mundo “no que todo é posible”. Este xoves, ás 23.00 horas, chega ao Auditorio de Ourense para presentar, dentro da XIII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, o seu espectáculo, La Revelación, co que leva actuando dous anos por todo o mundo e que xa viron en España máis de 120.000 persoas. A polémica actuación, unha declaración do seu ateísmo e unha crítica ás relixións monoteístas, é un dos pratos fortes da MITEU.
Segundo Bassi, “é a obra que sempre quixen facer, aínda que foi evolucionando por motivos tráxicos. Comezou como crítica humorística do que eu vía como contradicións do monoteísmo en xeral, poñéndome como defensor dos pensadores da Ilustración. Recibín entón chamadas e cartas con ameazas e protestas, que non cría que puideran suceder no ano 2007. Vivín moito medo e tiven que estar escoltado, incluso sufrín un atentado cunha bomba no meu camerino, que por sorte foi atallado”. Nese momento, “pensei que facía en España, porque no resto dos países nunca temín pola miña vida. Foi entón cando decidín quedarme, e La Revelación se converteu en máis que un espectáculo de teatro porque o que conta é importante, e fun afondando no tema para convertelo en algo serio”.
Bassi defínese como un predicador, “pero ao revés, que le as partes máis conflitivas da Biblia, incidindo en certos puntos que ningún teólogo puido probar a súa lexitimidade”. Engade que os que critican o seu espectáculo “e que non o viron, porque é axeitado para todos os públicos, sempre e cando estean dispostos a escoitar un punto de vista ateo do mundo”. E os espectadores danlle a razón, “o ano pasado El País elixiume como o segundo espectáculo preferido polos seus lectores, e iso que non teño subvencións, eu e dous amigos máis imos cunha furgoneta de teatro en teatro como os saltimbanquis, coa liberdade absoluta de dicir o que queremos. Gústame a provocación pero con reflexión detrás. Hai que facer rir, pero tamén pensar.”
Precisamente, o feito de actuar nunha mostra de teatro universitario como é a MITEU supón para el “a oportunidade de achegarme ao meu público principal, a mocidade. Eles son o futuro, a enerxía, a esperanza. O seu recoñecemento vale para min máis que o dos críticos porque aprendo deles e, á vez, podo ensinarlles algo, polo que é un orgullo estar aquí” comentou horas antes de comezar o espectáculo.
Co seu pasado circense, que se remonta a varias xeracións, “dediquei toda a miña vida ao grotesco, ao absurdo, ao horrible porque un bufón e un pallaso son heroes da imperfección. Se son profundamente ateo e por iso, porque non me gusta a perfección que non ten cabida para a esperanza, a mellora, a imaxinación, só esixe entrega absoluta. Menos mal que comemos da mazá da árbore da sabiduría” explicou irónico, e engadiu “son ateo por tradición familiar, así que dalgún xeito son conservador. Moita xente do circo, coma min, somos ateos porque tamén nós vendemos milagres. Jesús camiña sobre a auga e os trapecistas voan. Jesús transformou a auga en viño, e os magos sacan coellos dun sombreiro. Aos seis anos xa coñecía todos os trucos, sabía que todo era racional, que non había maxia, e meu pai dicía que a relixión era o mesmo” apuntou.

A esquerda, protagonista da súa nova obra

A Expo de Zaragoza en xuño será o escenario onde Bassi presentará a súa nova obra, Utopía, unha crítica á perda de valores da esquerda e, á vez, unha segunda parte de La Revelación. “Despois de criticar a relixión, a globalización e a dereita, tócalle o turno á esquerda, por esquecer os seus sonos. Non se pode facer política se non se fai soñar, non se pode interesar á mocidade cos impostos ou a xubilación. A aposta polas mulleres do goberno de Zapatero, por exemplo suscitou en toda Europa unha reacción” comentou. “En Italia a esquerda mira para aquí como última fonte de esperanza de algo novo, polo que estou moi contento de vivir nun país onde o goberno se enfronta á Conferencia Episcopal polo dereito a estudar Educación para a cidadanía ou para que os homosexuais poidan casar. É posible cambiar o mundo, pero hai que coidarse da postura conservadora de que todos os políticos son iguais, que xustifica o conformismo. Tampouco a esquerda é sempre boa, nin a dereita mala, ten que existir a oposición”.

Feroz crítica ao machismo de Berlusconi

Fronte ao exemplo de España, Bassi antepón a situación italiana. "Creo na democracia e penso que Berlusconi só representa o que a metade de Italia pensa. Eu traballei con el uns meses na súa televisión e teño unha anécdota que nunca vou esquecer, do ano 92 ou 93, cando era un empresario e aínda non estaba en política”, comentou. “Chegou ao programa cómico Lobo Solitario, cos seus escoltas, que non sei por que levaba nos seus propios estudos, e achegouse ás humoristas do equipo para preguntarlles se os vestidos que levaban eran do espectáculo ou se era roupa súa. As mozas responderon que era do programa e, ante isto, respondeu que era unha mágoa que con pernas tan bonitas levaran saias tan longas, que o público quería ver mulleres, e pediu unhas tesoiras e alí, diante de todos, cortoulles a saia por riba do cu, facendo comentarios”, explicou. “Foi moi humillante e penso como puiden ser tan covarde que non lle dixen nada, pero era o dono e, ademais, colleunos por sorpresa. Cando lle escoitei falar do goberno "rosa" de Zapatero dinme conta de que era o mesmo home, e sorprendeume como alguén así pode ser respectado cando é un impresentable, un machista e un ladrón que se xacta de non pagar impostos” finalizou.