DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Chámalle X” sae á rúa do 10 ao 13 de novembro, con Alemaña como país convidado

A praza da Peregrina converterase no epicentro da arte en acción

Un ciclo de conferencias e a sección “Acción en vídeo” complementan a sección expositiva do festival

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 06/11/2009
Os anos 60 e, sobre todo, os 70 constitúen o momento de eclosión da arte de acción ou en vivo: o movemento fluxus, George Maciunas, John Cage, Joseph Beuys, Allan Kaprow... Pero quizais case cinco décadas non abondaron para estender e achegar esta práctica artística ao conxunto da sociedade. Con este obxectivo, a VI Xornadas de Arte de Acción Chámalle X, organizadas pola Facultade de Belas Artes co apoio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, saen á rúa do 10 ao 13 de novembro. A praza da Peregrina será o escenario dunha decena de performances, para achegar a arte contemporánea máis innovadora ao público dun xeito lúdico. O programa completo do festival, que este ano ten como país convidado a Alemaña, foi presentado hoxe por Carlos Tejo, director das xornadas, Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes, e Iñaki Martínez, director do Marco. Hernández, considerou esa decisión de saír á rúa “fundamental para involucrar á cidadanía e sacar á arte da aura dos seus espazos habituais, que a miúdo conducen ao descoñecemento”, e sinalou que o labor da Universidade é traballar pola cultura, en particular aquela que non ten cabida noutros ámbitos.
“Nestes seis anos vivimos a evolución ascendente dun proxecto que comezou dun xeito moi modesto, case a partir dunha conversa de bar”, lembrou Carlos Tejo, quen está convencido de que Chámalle X traspasou as fronteiras de Galicia e converteuse nun referente en cidades como Madrid, Barcelona e Valencia. Pola súa parte, Ignacio Barcia, subliñou a dobre vertente do festival: “a académica, para dar a coñecer a performance na Universidade, e a social, para difundir a arte de acción e a súa historia en todos o ámbitos”. Sinalou tamén que o interese suscitado polas xornadas levou a implantar a materia de Arte de Acción no plan de estudos de Belas Artes, que se imparte por primeira vez neste curso. Con respecto a isto, o Hernández afirmou que o festival “supliu unha carencia”, a existencia dunha cita anual para amosar o panorama da arte de acción, e “formou unha necesidade” de formación neste eido do alumnado.

Acción en vivo e en vídeo

O programa mantén este ano as dúas sección inauguradas en 2008: País convidado e Acción en vídeo. Protagoniza a primeira Alemaña, país que estará representado no festival coas pezas de tres artistas: Stefanie Trojan, Johannes Deimlimg e Nezaket Ekici. A segunda pretende achegar un complemento teórico á experiencia da performance en vivo co visionado do traballo doutros creadores rexistrado en vídeo. O martes proxectarase documentación videográfica de performances realizadas por outros artistas alemáns; o mércores poderá verse a selección de accións para a mostra Madrid-14 (liveartwork editions) comisariada por Nieves Correa; e o xoves presentarase Arte de acción. De concepto a conduta, un proxecto de Álvaro Terrones.
Do ámbito local, amosarán as súas creacións máis recentes a artista Rita Rodríguez e o colectivo L.I.B.A., un grupo de vinte persoas que realizan microaccións para xogar co inesperado. Así mesmo, intervirán na Peregrina os artistas valencianos Carlos Llavata e Iñaki López Ordóñez, que traballan a miúdo coa acción no espazo público. Unha serie de conferencias completan o programa de actividades complementarias do Chámalle X 2009. Lola Correa encargarase de presentar o Alt, o Festival de Artes Alternativas de Vigo, e a artista británica Denys Blacker falará do FEM, un encontro de performance centrado na produción feita por mulleres. Todos os actos paralelos á sección expositiva desenvolveranse na Sala X da Facultade de Belas Artes.

Clausura no Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Como en edicións anteriores, o festival conta tamén coa colaboración do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, que este ano acollerá o acto de clausura o venres día 13 de novembro. A artista de orixe turco e afincada en Alemaña, Nezaket Ekici, presentará a súa peza Hullabelly no panóptico do centro, un traballo que transita polos territorios da identidade, nos que afonda no carácter patriarcal da sociedade do seu país de orixe. Ekici, que foi alumna dunha das creadoras máis recoñecidas no eido da arte de acción, Marina Abramovic, acadou unha gran proxección internacional nos últimos anos. Iñaki Martínez, director do Marco, resaltou a importancia de acoller no centro o peche do que considera “un dos festivais máis interesantes e serios de performance de todo o Estado”.
Os asistentes sinalaron tamén a ausencia de colaboración este ano por parte do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), algo que achacan ao impás que sofre a institución debido aos recentes cambios na súa dirección. Confían que a súa colaboración, habitual nas edicións anteriores, se restablecerá cando o centro recupere a normalidade.