DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece 107 axudas para o seu financiamento

As prazas de aloxamento nas residencias amplíanse a 501

O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 4 de xullo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 14/06/2012
Un dos principais problemas ao que se enfrontan os estudantes que non viven nos seus fogares durante o curso académico é o de atopar un lugar no que vivir durante ese tempo. Sendo consciente desta situacion e coa vista posta no próximo curso, a Universidade de Vigo amplía a 501 as prazas de aloxamento nos complexos residenciais dos tres campus, á vez que oferta un total de 107 bolsas para o seu financiamento, todas elas dirixidas aos estudantes que se matriculen na institución durante o período lectivo do curso 2012-2013.

O complexo residencial O Castro, no campus de Vigo, pon a disposición do alumnado 218 prazas, mentres que a residencia concertada A Peregrina en Pontevedra oferta un total de 70. En Ourense, a residencia As Burgas conta con 193 prazas, ás que hai que sumar as 20 ofertadas polo complexo residencial Alcai de Allariz. Para a adxudicación das prazas teranse en conta baremos relacionados coa puntuación académica de cada aspirante e coa súa situación económica, tendo preferencia as solicitudes de renovación daqueles membros do alumnado que xa se aloxaran nestes centros durante o curso anterior. Así mesmo, reservarase ata un 5% das prazas para outros sectores da comunidade universitaria que, no caso de non ser cubertas, pasarán a formar parte do cupo xeral.

Un total de 107 axudas para o aloxamento

Unha vez asignadas as prazas dispoñibles, os beneficiarios poderán solicitar unha das bolsas de aloxamento que a Universidade oferta para o vindeiro curso. Desta volta son un total de 107 axudas divididas en dous niveis, A e B, que se distribuirán en función da Renda Persoal Dispoñible de cada solicitante. O nivel A comprende 50 bolsas de 120 euros mentres que o nivel B está conformado por 57 bolsas de 60 euros, cantidades que a Universidade ingresará de forma mensual ao complexo residencial onde a persoa beneficiaria resida, co fin de reducir o gasto das familias que máis o necesitan.

Prazos de solicitude

Os impresos de solicitude de praza e de bolsa de aloxamento están dispoñibles na páxina http://seix.uvigo.es. Unha vez cumprimentados, deberanse entregar en calquera dos rexistros da Universidade antes do vindeiro 4 de xullo.