DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisca Fariña, coordinadora da Universidade no Servizo de Mediación Intraxudicial de Pontevedra:

"É preciso encamiñar ás parellas cara á racionalidade para que poidan acadar un acordo"

O luns ponse en marcha esta iniciativa que coordinan a institución académica e o Colexio de Avogados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 11/09/2014

Deixar atrás o estrés que provoca ver como unha relación de parella remata nun proceso contencioso e poder resolver os procesos de separación ou divorcio cun acordo privado entre as partes non é algo doado. De aí a importancia que teñen os servizos de mediación intraxudicial, como o que o vindeiro luns entrará en funcionamento en Pontevedra e que coordinan a Universidade e o Colexio de Avogados. Nel, dúas mediadoras encargaranse de intentar axudar ás parellas en proceso de separación a achegar posturas e deixar nun segundo plano os “factores emocionais”, co obxectivo de “intentar encamiñalos cara a racionalidade e alcanzar un acordo”, como sinala a súa coordinadora, a profesora Francisca Fariña.

“A idea é axudalos a que sexan eles os que busquen unha solución ao seu problema, porque eles mellor que ninguén saben que é o mellor para a súa familia”, destaca a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, responsable de coordinar por parte da Universidade este novo servizo, froito do convenio asinado o pasado mes de xullo pola Xunta, a Universidade, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía e o Colexio de Avogados. Desde entón a psicóloga e a avogada que exercerán como mediadoras traballaron na "preparación do material de traballo e en definir como se ía realizar a mediación coa idea de poder levala a cabo de forma coordinada”, explica Fariña. Xa a partires do vindeiro luns, chegará o momento de comezar a atender ás familias, e por ese motivo Fariña e as mediadoras veñen de manter unha xuntanza coa xuíza de familia da cidade, María del Mar Felices, co obxectivo de “ultimar os procedementos, xa que a vindeira semana comezaranse a recibir casos”.

Aceptación libre e voluntaria

Segundo explica Fariña, está previsto que este servizo atenda “principalmente asuntos relacionados coa garda de custodia e co tempo de estancia dos menores, se ben cabe calquera cuestión incluída no convenio regulador”. Será a propia xuíza a que inste ás partes a recorrer a esta alternativa á vía xudicial, de carácter gratuíto e aceptación voluntaria, algo que “tamén se pode suxerir desde a Fiscalía”, sinala a súa coordinadora.

Unha vez o caso chegue ás mans das mediadoras, estas “convidarán ás partes e aos seus avogados a unha sesión informativa na que se lles explica en que consiste a mediación e como se vai desenvolver”. A partires de aí e durante o prazo dun mes, as mediadoras “comezan a traballar coas persoas que teñen un conflito” coa idea de “intentar encamiñar os factores emocionais cara a racionalidade e chegar a un acordo do que logo se dá traslado aos avogados”. Deste xeito, lógrase resolver o asunto cunha maior axilidade e evitar as consecuencias económicas e psicolóxicas que pode implicar que un proceso de separación chegue aos tribunais, o que provoca “un estrés tóxico que pode tamén contaxiarse aos menores”. Neste senso, Fariña fai énfase no valor que ten, máis aló da axilidade ou dos custes, “que as cuestións de familia queden na privacidade e non se discutan nun ámbito público como é un tribunal, algo que é moi importante, principalmente cando hai menores por medio”. De aí que a decana de Ciencias da Educación e do Deporte incida na importancia que estes procedementos teñen á hora de fomentar unha “relación de coparentalidade positiva e previr posibles problemas emocionais nos nenos” .

Un servizo que xa funciona en Vigo

A propia Francisca Fariña é tamén a coordinadora, xunto coa catedrática Esther Pillado, do servizo de mediación intrafamiliar existente desde hai dous anos nos xulgados de Vigo e que “nestes momentos está alcanzando un importante nivel de aceptación e de acordos”, relata a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide no “alto grao de satisfacción que trasladan os usuarios, independentemente de que se chegue ou non a un acordo”. De feito, engade, “mesmo naqueles casos nos que este non se alcanza, a mediación axuda a que ao final as partes pacten cando se chega á sala”.

No tocante ao de Pontevedra, a Universidade comparte a responsabilidade de coordinación co Colexio de Avogados de Pontevedra, o que permitirá, segundo sinala a súa coordinadora, “introducir os avances que se producen na mediación a nivel científico e, a súa vez, ensaiar novas formas de levar a cabo o procedemento co obxectivo de poder melloralo”.