DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A predisposición a aprender, clave do éxito do novos graduados do Programa de Maiores en Pontevedra

Presidiu a celebración o vicerreitor de Formación e Innovación educativa, Pedro Membiela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E. L. Castro DUVI 05/11/2009

Unha enorme predisposición a aprender, moito esforzo e moitas discusións, así definiu Patricia Vilán Lorenzo, madriña da quinta promoción de graduados e graduadas Universitarios Sénior, a dinámica de traballo dos 8 novos titulados do Programa de Maiores do campus de Pontevedra. No acto de graduación, que tivo lugar esta tarde na Casa das Campás, a profesora subliñou a enorme participación que acadou deste grupo na súa materia, Introdución ao Dereito. “Sei que é un ámbito árido, pero levárono ben e deulles para debater moito”, sinalou a profesora. Así meso, felicitou a todos polo camiño percorrido para acadar esta primeira meta e animounos a matricularse no curso de especialización. A celebración estivo presidida por Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, e contou tamén coa presenza de José María Gil Villanueva, director do Programa para Maiores no campus de Pontevedra e Elvira Torres Maceiras, representante do alumnado.

Ausencia de inquedanzas polo futuro profesional

No seu discurso, a recén graduada Elvira Torres Maceiras fixo analoxía coas sensacións dos fillos cando se gradúan e salientou como principal diferenza a ausencia de inquedanzas de cara ao futuro profesional. “O noso futuro é este”, aclamou. Agradeceu o empeño do profesorado que se “atreveu” a participar no programa e aproveitou para facer unha petición: “que se incremente a oferta de materias”, pois o interese e a demanda son altos.
Pechou o acto o vicerreitor aludindo á perspectiva e á disposición a aprender do alumnado sénior, que é distinta á do resto do estudantado. “A Universidade quere cubrir esa demanda de formación en todas as idades”, sinalou. Membiela quixo transmitir a súa felicitación aos asistentes, “incluídas as familias, que de seguro tamén axudaron a facer isto posible”. Lembrou tamén que “as Aulas de Formación Aberta non son só para aprender, senón tamén para convivir”, por iso existe unha continuidade despois de rematar os estudos. Así mesmo, alentou a todos a animar aos seus achegados a matricularse no Programa para Maiores do campus de Pontevedra.

Unha oportunidade para cumprir contas pendentes

Acompañados dos familiares, neste caso maioritariamente fillos e netos, os graduados e graduadas sénior esperaron con nerviosismo a entrega dos diplomas. María Dolores Vidal Gil, unha delas, definiu como unha experiencia moi boa o seu paso pola universidade, no que, ademais de aprender, fixo bos amigos. Acceder á universidade era unha vella ilusión para ela, que puido levar adiante agora. “Liberada do coidado das fillas puiden cumprir con esta conta pendente”, afirmou. Unha das materias coas que máis gozou foi Inglés e, ademais, compaxinou a universidade co ximnasio e os estudos musicais de piano.
Pola súa parte, Jesús Javier Neira Rodríguez considera a universidade un campo novo para a xubilación, pois para el supuxo unha “satisfacción coa que non contaba”, malia xa ter experiencia na UNED, onde fixo algunhas materias de Dereito. Á hora de citar o mellor, non ten dúbida: “a amizade, non só cos compañeiros, senón tamén coas súas familias”.
Finalmente, foi Gil Villanueva quen deu lectura dos nomes dos 8 graduados e graduadas, que recibiron os seus diplomas da man de Membiela e Vilán Lorenzo.