DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudo internacional busca 1500 persoas con parella que respondan a unha enquisa electrónica anón

A pregunta é se estás satisfeito ou satisfeita coa túa vida sexual

Un dos seus investigadores traballa desde o campus de Ourense no proxecto

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/11/2011

Rodeada tradicionalmente de tabús, mitos, desinformación e ambigüidade a satisfacción sexual de homes e mulleres é aínda hoxe un tema no que queda moito por coñecer. Para avanzar nese camiño, a Universidade de Granada está a realizar un estudo internacional que pretende afondar no coñecemento da satisfacción sexual dos españois máis alá dos modelos tradicionais. Un dos seus investigadores realiza unha estadía desde principios de curso no campus de Ourense e desde aquí quere fomentar a participación da comunidade universitaria ourensá na macro enquisa do proxecto, que busca 1500 persoas que contesten a un cuestionario electrónico anónimo.

Pablo Vallejo é o investigador da Facultade de Psicoloxía granadina implicado no proxecto que se atopa no campus de Ourense afondando en cuestións vinculadas coa sexualidade e o xénero. Explica que a enquisa sobre satisfacción na que está a traballar enmárcase nun proxecto de investigación internacional financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e baixo a dirección do profesor ourensán Juan Carlos Sierra. “Basicamente o que pretendemos é distanciarnos do modelo obsoleto de satisfacción sexual, onde satisfacción é igual a orgasmo, e buscamos observar que variables médicas, psicolóxicas e sociais poden influír nela”.

Custes e beneficios das relacións

Segundo explica o investigador, o proxecto parte dun novo modelo baseado na importancia na satisfacción sexual de variables interpersoais e do intercambio de beneficios e custos dentro da relación. Este modelo parte da idea de como as persoas valoramos, tamén no eido da sexualidade, como de custoso cremos que vai ser un comportamento e que beneficios nos vai reportar. Vallejo salienta que para seguir avanzando na investigación precisan a colaboración de 1500 participantes que cubran a enquisa do proxecto, metade homes e metade mulleres, maiores de 18 anos e que teñan unha relación de parella de, cando menos, seis meses de duración.

Os interesados en participar neste estudo internacional poderán facelo enchendo unha enquisa, enquisa á que Vallejo convida a participar á comunidade universitaria ourensá e á cidadanía en xeral para que a representación xeográfica e cultural sexa máis diversa. As súas respostas serán anónimas e confidenciais. A enquisa está dispoñible nesta ligazón e na súa realización contan coa participación de dous investigadores internacionais especializados no campo da sexualidade, como son o doutor Pedro Nobre da Universidade de Aveiro (Portugal) e a doutora Sandra Byers, da Universidade de New Brunswick (Canadá), considerada esta última un referente nesta temática.