DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da décimo segunda edición do Memorial Filgueira Valverde

A Prehistoria galega achégase ao público pontevedrés

Os xacementos do Cabrón e de Porto Maior centraron a primeira das conferencias

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 05/11/2013

Cando no verán de 2010 os arqueólogos do Instituto de Estudos Miñoranos remataron cos traballos da primeira das tres escavacións realizadas no xacemento do Cabrón, situado na localidade pontevedresa de Arbo, os expertos amosáronse sorprendidos da cantidade de ferramentas líticas que apareceron nesta zona tal e como as deixaron os seus antigos habitantes. A partires desta data, este xacemento situado nunha terraza fluvial do río Miño consolidouse como “a maior fonte de información sobre o Paleolítico inferior galego, o período da prehistoria máis antigo e menos estudado do país”, explicou o xefe da escavación e tamén responsable da Sección de Etnografía e Arqueoloxía do IEM, Eduardo Méndez, ao abeiro da primeira das conferencias da décimo segunda edición do Memorial Filgueira Valverde.

A pesares de que ao longo de toda a cunca do Baixo Miño existen numerosos restos da época paleolítica, ata hai un par de anos, só foran investigados con certo detemento os atopados no xacemento das Gándaras de Budiño, localizado no concello do Porriño. Segundo expuxo este martes no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra Eduardo Méndez, as pezas do Cabrón terían entre 200.000 e 500.000 anos “o que situaría esta etapa en Galicia no mesmo arco temporal que o resto da Península Ibérica”. Grazas a este descubrimento, “desbotouse definitivamente a crenza de que o atraso secular do país xa se daba na Prehistoria”, asegurou o arqueólogo do IEM nunha conferencia á que acudiron a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, e o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira.

Preto do xacemento do Cabrón atópase o de Porto Maior, situado tamén no municipio pontevedrés das Neves, un lugar no que os arqueólogos do Instituto de Estudos Miñoraos atoparon numerosas machadas de gran tamaño moi similares ás que apareceron no continente africano. Uns achádegos que dan boa mostra da presenza dos antepasados do home na etapa do Paleolítico nesta zona ao igual que aconteceu no concello de Arbo, tal e como subliñou Eduardo Méndez no primeiro dos tres relatorios que se inclúen nesta edición do Memorial e que afondarán na Prehistoria de Galicia.

Un erro de cálculo á hora de datar o xacemento do Porriño

As primeiras datacións do xacemento das Gándaras de Budiño, obtidas a través do método C-14 e dadas a coñecer polo xeólogo Karl Butzer, resultaron pouco convincentes a finais da década de 1960 sobre todo cando se comparaba con espazos similares situados en distintas zonas da península e que tiñan, segundo os expertos, uns 26.000 anos. Tal e como salientou Eduardo Méndez, a finais do século XX leváronse a cabo novos estudos que incrementaban notablemente a antigüidade deste xacemento, un espazo ocupado polo home da época hai arredor dun 100.000 anos.