DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista catalá Carme Viñas inaugurou o programa de performances de ‘Chámalle X’ na Sala X

Preludio dun “mañá que nunca virá”

Tamén interveu Sonia Tourón, ex alumna de Belas Artes, cunha acción sobre a problemática de xénero

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 20/11/2012

Este martes “aterrou” na Sala X da Facultade de Belas Artes unha nova edición de Chámalle X, Xornadas de Arte en Acción, que igual que o ano anterior, volve a centrarse na análise dos sons que o corpo pode emitir ou fabricar. A encargada de inaugurar o ciclo de performances no campus foi a artista catalá Carme Viñas que presentou unha adaptación dunha das súas investigacións musicais, Tomorrow never comes, coa que busca recrear “o son primitivo do cosmos”. Tras a súa intervención foi a quenda de Sonia Tourón, ex alumna da facultade, cunha acción na que reflexionou sobre a súa condición como muller e artista.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, acudiu como público destas xornadas “que tanto contribuíron a espertar á nosa Universidade na cidade” e que xa van pola súa novena edición “o que as converte nun festival artístico moi consolidado e tamén comprometido coa igualdade de xénero”, engadiu a vicerreitora, xa que Chámalle X respectou a paridade convidando a 4 homes e a 4 mulleres artistas.

Chegada dunha nave sobre a terra

Carme Viñas presentou en Pontevedra unha mostra da súa nova aposta artístico-persoal no campo da composición musical “sen ser unha artista que proveña da música”, aclarou, experimentando en base a unha idea “que filosoficamente convive comigo sobre que posiblemente imos presenciar a chegada dunha nave nodriza sobre a terra”. Sobre este pensamento, Viñas desenvolveu toda unha proposta músico-performática que deu lugar a un cd do que se extrae o tema que interpretou este martes na Sala X. “Tomorrow never comes ten unha duración de 2 minutos e medio pero vouno estirar ata os 15 minutos”, advertiu a artista antes da súa actuación para a que contou coa colaboración de Rod Cantlay, músico de profesión que tocou a trompa e o teclado “para dar un comezo lento e espectacular”.

A súa voz, o piano e a percusión mesturáronse ata o punto de producir unha distorsión co propósito de achegar “un tema escuro que reflexionase sobre os límites da arte”, sinalou unha Carme Viñas melancólica “co desexo de buscar o son primixenio do cosmos”.

A condición feminina na arte

A Acción como picto-escultura feminista foi a proposta de Sonia Tourón, incluída dentro dun proxecto de seu iniciado en 2007 Des_adaptándome: a voltas coa arte. “Trátase dun estudo persoal e crítico da miña relación co mundo das artes plásticas, como artista muller que utiliza o seu propio corpo”, explicou esta titulada en Belas Artes pola facultade pontevedresa, para o que optou por escenificar unha performance mediante a picto-escultura, unha técnica que mestura características da pintura e da escultura. Cunha brocha pintou todo o seu corpo de cor rosa para manifestar como a artista ten que empregar a súa condición “feminina e feminista” para situarse dentro do contexto artístico.

O mércores 21 continuarán as xornadas da man de Pere Sousa que ofrecerá un concerto fonético inspirado na arte vangardista de comezos do século XX, e de María Roja cunha peza titulada Pó é pó é pó. O xoves pecharán o ciclo de performances Bartolomé Ferrando e Avelino Saavedra coa acción A partir de un gruñido de letra, e Montserrat Palacios e Llorenç Barber, artistas de longa traxectoria que ofrecerán “un concerto sonoro moi persoal”. Ademais presentarán o seu libro La mosca tras la oreja: de la música experimental al arte sonoro en España o venres 23 no Museo Marco, pondo punto e final a esta nova edición de Chámalle X.