DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Fondo recibe o galardón ao Mellor Expediente do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación

Un premio ao “esforzo, o traballo e a constancia”

Outorgado pola AETG/COETG

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/10/2018

As claves son o esforzo, o traballo e a constancia. Así o resume Pablo Fondo, que vén de ser galardoado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia co premio ao Mellor Expediente Académico do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da promoción 2018.

O egresado recibiu o premio de mans do presidente/decano da AETG/COETG, Julio Sánchez, e de Mª José Moure, coordinadora do mestrado, nun acto que tivo lugar na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. Fondo recoñece que non se trata tan só do esforzo feito por el mesmo, senón tamén da súa familia, “que me deu o soporte e ánimo necesario para superar con éxito estas etapas da miña vida”. Explica que, para acadar o mellor expediente, o camiño non foi sinxelo, requiriu “traballo e constancia, pero sen dúbida faise moito máis fácil de levar tendo a motivación necesaria e desfrutando do que se fai”. Considera que outra das claves é a organización, "pola gran cantidade de tarefas que hai facer ao longo da titulación, dende exercicios ata prácticas e proxectos, pero cunha boa organización hai tempo para todo e non hai necesidade de renunciar a moitas cousas”. Paralelamente, apunta outra cuestión a ter en conta, a desconexión, que é tamén un factor necesario “para render adecuadamente no estudo e no traballo”. A combinación de todos estes factores axudouno a obter o éxito, tanto é así, que decidiu proseguir cos seus estudos e actualmente está a comezar o programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, centrando a súa investigación nas redes de comunicación móbiles 5G. “Esta foi a saída que máis me atraeu ao rematar o máster, a miña idea a día de hoxe é orientar o meu futuro dentro do mundo académico e algún día chegar a ser un profesor de Universidade, na medida do posible, xa que considero que a investigación e a docencia son fundamentais para o desenvolvemento da sociedade”.

Telecomunicación, pola súa aplicación práctica

Con todo ser un firme defensor da súa escolla, Pablo Fondo recoñece que non sempre tivo clara a súa vocación pola Enxeñaría de Telecomunicación. Sabía que quería estudar algo “relacionado coas matemáticas, a tecnoloxía e os ordenadores e sempre tiven curiosidade por entender como funcionaban moitos dos sistemas que nos rodean”. Lembra, de feito, que de pequeno gustáballe moito abrir os coches teledirixidos que tiña na casa, “aínda que moitas veces non volvesen a funcionar despois das miñas operacións". Pero se algo foi determinante á hora de escoller a carreira foi o feito de que as telecomunicacións “estean tan presentes cada vez máis na nosa sociedade, iso fai que poidas ver constantemente como as cousas que estudamos teñen aplicación directa no noso día a día e permítenos, non só entender o mundo que nos rodea, se non tamén contribuír de forma activa na creación de novos sistemas”. 

Dende a súa experiencia a o convencemento na utilidade e relevancia da súa titulación, recomenda ao alumnado que agora comeza os seus estudos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que non perdan nunca “a motivación, a curiosidade e a ilusión, especialmente nos momentos máis duros e de máis agobio; o esforzo merece a pena”.

Charla

A entrega do premio estivo precedida por un relatorio enmarcado nas actuación de colaboración que o COETG/AETG mantén coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O decano/presidente Julio Sánchez Agrelo compartiu cos alumnos do primeiro curso do Máster en Enxeñería de Telecomunicación a súa traxectoria profesional e experiencias laborais e realizou tamén un percorrido pola historia das telecomunicacións e a profesión do enxeñeiro de telecomunicación, dando a coñecer o papel do colexio e da asociación.