DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En recoñecemento á súa traxectoria profesional no ámbito da transferencia

Premio para a directora técnica da Oficina de I+D, Ángeles López, no IPFest

Recolleu o galardón nunha cerimonia celebrada en Madrid o pasado venres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Transferencia
DUVI 04/12/2023

Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, acaba de recibir en Madrid o premio IPFest á traxectoria profesional, galardón que se entrega ao abeiro do IPFest, un evento de carácter profesional que botou a andar hai agora un ano e que o pasado venres celebrou en Madrid a súa segunda edición. A iniciativa busca recoñecer distintas actuacións de transferencia en diversos sectores, centros de investigación e universidades españolas e, nesta caso, premiuse -con 90% dos votos emitidos- a traxectoria profesional de López Lozano.

“O vindeiro mes de xaneiro cumprirei 33 anos na Oficina de I+D da Universidade de Vigo. Fun a primeira en entrar, despois chegou a responsabilidade e, máis tarde, a dirección”, explica a premiada, quen, entre outros moitos méritos, foi acreditada no 2020 como Profesional da Transferencia –RTTP, Registered Technology Transfer Professional- pola alianza internacional ATTP, unha entidade  formada por 14 asociacións nacionais e internacionais de profesionais da transferencia de coñecemento presente en 60 países e cuxa principal misión é promover e manter uns estándares globais na profesión da transferencia de I+D e fomentar o recoñecemento da profesión. López Lozano convertérase así na primeira galega en conseguir esta distinción, un recoñecemento co que só contaban arredor de 500 profesionais de 39 países, apenas media ducia procedentes de España.

Nesta ocasión recolleu o premio de mans de Helana Montiel, presidenta de RedTransfer, asociación sen fins de lucro dirixida a fortalecer o impacto da investigación na sociedade e a economía a través da profesionalización e a promoción do intercambio e a transferencia de coñecemento e a xestión da innovación.