DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolleuno a directora, Rebeca Díaz, na gala da IV edición de ForoTelecos Galicia 2023

Premio Enxeño 2023 á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 29/01/2024

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acaba de recibir o Premio Enxeño 2023. Foi durante a celebración da IV edición de ForoTelecos Galicia 2023, o pasado venres noite na Coruña, a onde acudiron máis dun cento de enxeñeiras e enxeñeiros de todo o territorio nacional, entre eles a directora da escola, Rebeca P. Díaz, que foi a encargada de recoller o galardón.

Celebrado para visibilizar e pór en valor o traballo diario dos “telecos galegos” e potenciar a imaxe do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia, COETTGA, o ForoTelecos Galicia 2023 serviu tamén para o potenciamento das redes de traballo conxunto, as presentacións e as reivindicacións. Xunto á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, recibiron cadanseu galardón, Gradiant, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, así como os ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canales, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo, Manuel Pereira e Xosé Lois González. O galardón ao enxeñeiro do ano foi para Santos Héctor Díaz, pola súa grande actividade laboral e traxectoria impecable, e o da Excelencia nas Telecomunicacións para Alfonso Juan Álvaro Villamarín, CEO de Cellnex Telecom España.

Entre outras autoridades contouse coa participación do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen destacou o papel das telecomunicacións como a principal ferramenta para a cohesión do territorio e para a súa conservación con garantías de calidade de vida e de igualdade de oportunidades, e tamén da secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, quen valorou o traballo exemplar dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos e resaltou que “Galicia é un referente no sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías, tanto a nivel nacional como internacional”.