DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante os medios, o reitor amosouse esperanzado en contar co apoio da Xunta para o Campus do Mar

O Premio Eurorrexión 2009 galardoa un estudo sobre o capital intelectual e a innovación nas empresas de automoción

Obra dos investigadores Pedro Figueroa, Carlos Fernández-Jardón e Helena Mª da Silva Santos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 01/03/2010

O sector da automoción, un dos puntuais da economía galega e dos máis afectados pola crise económica, centra o traballo galardoado co Premio de Investigación Eurorrexión Galicia-norte de Portugal 2009. Este certame ten como finalidade poñer en valor a investigación sobre a problemática e as potencialidades desta zona ao abeiro da Cátedra Eurorrexión, sendo desta volta o premio para os profesores da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego e Carlos Mª Fernández-Jardón, e a investigadora lusa Helena Mª da Silva Santos Rodrigues, á que ambos dirixen a tese de doutoramento. É un premio compartido e multidisciplinar xa que nel se recoñece o traballo realizado a ambas beiras do Miño, pero tamén “dende diferentes campos do coñecemento como a organización de empresas e marketing e a economía aplicada”, departamentos aos que pertencen ambos profesores, segundo explica Pedro Figueroa. A propia Helena Mª da Silva Santos, profesora no Instituto Politécnico de Viana do Castelo, apunta que “investigamos a influencia do capital intelectual na capacidade innovadora das empresas da automoción de Galicia e norte de Portugal e concluímos que as empresas que impulsan actitudes innovadoras e os incentivos á innovación en termos de capital intelectual e ademais fan colaboracións con clientes e participan en redes de colaboración, son máis innovadoras en produto e tamén en proceso”. Por conseguinte, segundo engaden os premiados, isto implica máis innovación nos produtos e tamén nos procesos que desenvolven e esa “é actitude ideal, o camiño ideal para innovar”.
Estes tres docentes recollen a testemuña de Elvira Pacheco Vieira, doutora en Economía Aplicada pola USC e investigadora da Universidade do Minho, que co seu traballo Capital humano como factor de converxencia: análise econométrica da Eurrexión Galicia-Norte de Portugal, logrou o primeiro premio de investigación Eurorrexión 2008. A xa directora do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial, que se inaugurou este luns, presentou tamén no transcurso deste acto a publicación que recolle o seu traballo premiado na pasada edición.

O fortalecemento das parcerías

Este premio de investigación naceu no seo da Cátedra da Eurorrexión ao abeiro da cal se imparte o Mestrado de Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial. O director da cátedra e comisionado de Plan Estratéxicos, José Manuel García Vázquez, explicou que nesta segunda edición concorreron ao certame dez traballos nos que participan un total de 25 investigadores, catro de autoría portuguesa, outros catro galegos e dous mixtos, sobre diversos temas como “gobernanza da Eurorrexión, botánica, agricultura, sanidade, arquitectura, afinidades histórica e lingüísticas, cooperación económica...”
Segundo subliñou García Vázquez, a Eurorrexión “e o espazo fronteirizo con máis intercambio de mercadorías e traballadores” e como tal o tecido empresarial e económico e a cidadanía souberon estreitar lazos cara unha maior integración rexional, cara á realidade da Eurorrexión. As universidades non quedaron ao marxe deste camiñar e son boa mostra, e incluso bandeira, desta cooperación en educación, innovación, emprego, sociedade do coñecemento e actividades culturais e deportivas. Coincidiron neste sentido o reitor, Alberto Gago e o vicerreitor da Universidade de Minho, Rui Vieira Castro, que apostaron por seguir afondando nesta colaboración necesaria entre as universidades de Galicia e as do norte de Portugal. “Estamos no camiño apropiado e na dirección correcta, e non estamos sos”, apuntou Gago, que se referiu como mostra dos avances acadados ao borrador do Real Decreto Español de Títulos, “que permitirá crear dunha maneira sinxela, cómoda e atractiva títulos compartidos entre varias universidades, e isto é algo que estábamos agardando hai moitísimos anos as universidades galegas e portuguesas”.
O presidente de Caixanova, entidade que patrocina o premio, Julio Fernández Gayoso, incidiu, pola súa banda, nos lazos estreitos que unen Caixanova e a Universidade de Vigo, pero que unen tamén á entidade co país veciño. Gayoso lembrou que a caixa colabora con cinco cátedras da Universidade de Vigo, entre os que destacou a de Empresa Familiar e a da Eurorrexión.

Confianza no apoio da Xunta ao Campus do Mar

Se o borrador Real Decreto Español de Títulos mira ao futuro, outros acordos xa son presente. “Sobre todo nos últimos catro anos”, segundo apuntou García Vázquez, “a Universidade de Vigo ten clara conciencia da importancia estratéxica de actual en clave de Eurorrexión e así, no proxecto de Campus do Mar, están integradas as universidades de Minho, Porto e Aveiro”. Dende o punto de vista do reitor “estamos decididos a constituír entre todas un centro de formación de posgrao cun atractivo especial da oferta para estudantes de Latinoamérica e África”.
En referencia ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nas que puntualizaba que o proxecto de Cidade do Mar non estaba condicionado á cesión da ETEA, o reitor explicou que “é verdade que non está condicionado porque nós o imos presentar igual” pero puntualizou que “iso non impide darse conta de que a potencia que ten este proxecto é maior cun apoio da Xunta que se concrete cedendo parte da ETEA para que nos situemos alí”.
Ao tempo, Gago explicou que o pasado venres insistiu na petición de apoio á Xunta dentro dos prazos a través do conselleiro de Educación; Jesús Vázquez, e apuntou que “entendo a situación na que están, teñen que revisar e ver as utilización previstas e avaliar e botar contas” pero amosouse confiado en obter unha resposta positiva. “Ao conselleiro gústalle o proxecto, cre que está ben armado e que vai na dirección correcta de aglutinar e buscar un agrupamento potente e implicado social e economicamente” destacou Gago que engadiu que Jesús Vázquez “o único que pide é un pouco máis de tempo para pensalo, porque debe clarificar todos os compromisos que hai detrás da ETEA”. Ademais, “se concursas e saes nominado como Campus de Excelencia Internacional, temos cinco anos para executar o proxecto, polo que é posible combinar os tempos e tamén os usos deses terreos”, sinalou Gago.