DUVI

Diario da Universidade de Vigo

39 dos mellores alumnos de Ciencias son distinguidos cun curso avanzado de fluorescencia e proteómic

Premio 'fluorescente' para os estudantes máis aplicados

O obxectivo é fomentar o seu interese pola investigación a través do traballo no laboratorio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/09/2011
Non hai mellor motivación para seguir traballando que o xusto recoñecemento e a recompensa polo esforzo realizado. Con esta idea a Facultade de Ciencias de Ourense e o Grupo Bioscope ofrecen desde este mércores a un grupo de 39 estudantes deste centro que destacan polas súas boas cualificacións e/ou participación en actividades académicas un curso avanzado que os levará a meterse de cheo no traballo dun laboratorio e a empregar os materiais e técnicas máis avanzadas en fluorescencia e espectrometría de masas. Un premio que pretende potenciar as inquedanzas investigadoras deste alumnado.

Segundo salientan os profesores e investigadores do Grupo Bioscope José Luís Capelo e Carlos Lodeiro, responsables da iniciativa, o curso xurdiu coa intención de distinguir aos estudantes que obtiveron mellores cualificacións na materia de Ampliación de Química e ao alumnado que destacou pola súa implicación en actividades da Facultade de Ciencias durante o curso pasado, concretamente nun curso inicial de inglés científico, nas conferencias Bioscope e nas xornadas A química e as novas xeracións. En total, o número de inscritos no curso, que leva por título Curso Avanzado de Técnicas de Fluorescencia e Espectrometría de Masas Aplicado á Química Sensorial e Proteómica, ascende a 39, de segundo e terceiro curso.

Un plus diferenciador na formación

“A idea é que estes estudantes entren no laboratorio en pequenos grupos para que realicen prácticas avanzadas, con materiais e técnicas avanzadas, que doutro modo non terían a oportunidade de realizar durante os seus estudos”, destaca José Luis Capelo. Tratase, explica, de completar o ensino máis xeralista das aulas cunha ensinanza máis específica, orientada e aplicada. “Este complemento é un plus diferenciador que terán os nosos graduados respecto ao doutros centros e iso é importante valoralo”, explica o profesor.

O curso iniciado esta semana prolongarase ata xaneiro, reunindo cada mércores en horario de mañá e tarde aos aplicados estudantes arredor do traballo nun laboratorio, onde se achegarán aos métodos avanzados para a determinación de proteínas e contaminantes. “É unha iniciativa interesante para introducir ao alumnado na investigación científica, para fomentar canto antes as súas inquedanzas e intereses pola investigación e o desenvolvemento”, salienta Carlos Lodeiro. Neste senso, o investigador apunta a importancia de que sexa un curso práctico, onde os estudantes realmente manexan instrumentos de laboratorio profesionais e realizan eles mesmos experimentos.

Para seguir a cadea da motivación do alumando, os responsables da iniciativa salientan que se a resposta dos participantes que asisten ao curso iniciado este mércores é satisfactoria abrirase a posibilidade de darlle continuidade coa edición dun curso máis avanzado e con novos contidos.