DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acadou o INAP 2013

Premio do Instituto Nacional de Administracións Públicas á tese do profesor Óscar Briones

Polo seu traballo sobre a construción da función de recursos humanos autonómica entre os anos 2000 e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 08/11/2013

Moreas e moreas de sinceros parabéns é o que está a recibir nestes últimos días o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Óscar Briones, logo de facerse público que a súa tese de doutoramento, Factores determinantes na construción da función de recursos humanos autonómica: Galicia 2000-2012, acadou o prestixioso galardón que cada ano outorga o Instituto Nacional de Administracións Públicas. Para Briones, a defensa da túa tese, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Bouzas, “foi o punto e final a un proxecto que comecei hai máis de 10 anos pero, debo recoñecer que, recibir o premio INAP 2013 supón agora un punto e parte na miña carreira investigadora xa que este galardón pode abrirme moitas portas para poder participar noutros proxectos de grande interese tanto a nivel nacional, estatal ou internacional”.

Para o autor, a súa tese de doutoramento "é totalmente novidosa xa que nunca se abordou este tema dun xeito tan profundo". Mediante a análise da situación actual da xestión de recursos humanos na administración pública galega, Óscar Briones estudou as causas do mantemento e da non evolución dos modelos empregados neste eido en comparación cos doutras comunidades do Estado. Botando man dos datos, o profesor pontevedrés deseñou un modelo para "mellorar a función pública implicando aos propios traballadores, unha proposta tamén aplicable á empresa privada", asegurou.

Óscar Briones compatibiliza os seu labor como docente no Grao de Dirección e Xestión Pública e máis no mestrado en Dirección pública e liderado institucional co seu traballo na administración pública galega. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela e en Dereito pola UNED, o docente do campus pontevedrés é un experto na negociación colectiva. Os seus principais traballos e investigacións xiran arredor da auditoría pública, a xestión de recursos humanos e, en especial, da función directiva así como do estudo, elaboración, implementación e avaliación das políticas públicas.

A docencia e a investigación, unha prioridade

Aínda que se declara un namorado da súa profesión, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación recoñece que “non deixara nunca a un lado as miñas facetas como docente e investigador”. Para Óscar Briones, formar ao alumando do campus é o mellor xeito que atopou ata o de agora para transmitirlle á sociedade todos aqueles coñecementos que adquire a través das súas investigación. Tanto é así que, “nalgún momento pensei en pedir unha excedencia no meu traballo e dedicarme por completo ao que máis me gusta: investigar e formar”, subliñou.

En defensa do futuro profesional do seu alumnado

Segundo salientou Óscar Briones, os alumnos e alumnas que actualmente cursan o Grao en Dirección e Xestión Pública están a recibir unha formación “moi potente” que os capacita para traballar non só no eido da administración pública senón tamén en todas aquelas empresas privadas, fundacións ou asociacións que hai ao seu arredor. No que atinxe ao futuro máis inmediato do estudantado tanto galego coma español, o profesor pídelle aos políticos que, botando man dos datos que o Fondo Monetario Internacional (FMI) ou a Unión Europea (UE) teñen en relación aos investimentos en I+D+i nos distintos países membros, “revisen se cumpren ou non coas súas obrigas e están a facer todo o posible por garantir o futuro da investigación en España”.