DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Viaxarán a Silicon Valley para coñecer de preto experiencias como Google

Premio nacional de emprendemento universitario ao proxecto Berce

Especialistas en aplicar as TIC á educación infantil, en outubro porase en marcha unha proba piloto

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 29/06/2012
Tras o recoñecemento a nivel galego -Finalistas do 7º premio AJE Galicia Joven Emprendedor e gañadores da primeira edición dos premios INCUVI-Emprende- o proxecto Berce acaba de recibir outra boa nova: son os gañadores a nivel nacional do concurso Emprendedor Universitario da Escuela de Organización Industrial, a primeira escola de negocios do país. Sen dotación económica directa, o galardón consiste en “algo máis importante, unha experiencia vital que non está ao alcance de todos”, subliñan Rubén Míguez e Víctor M. Alonso, promotores do proxecto. O galardón dálles a posibilidade de “viaxar a máis importante incubadora de star-ups tecnolóxicas do mundo” en referencia a Silicon Valley, onde poderán establecer relación con emprendedores da rexión, compartir experiencias e coñecer os métodos de traballo e as instalacións de grandes empresas tecnolóxicas como Google ou Oracle. Ademais, dispoñen dunha bolsa de 18.000 euros para cursar un MBA na propia Escola de Organización Industrial “o que nos dá a posibilidade de mellorar a nosa formación no campo da xestión directiva e económica”.

Instalados na pre-incubadora desenvolvida pola Universidade, Cidade Universitaria e a Fundación Universidade de Vigo, o proxecto Berce xurdiu do traballo levado a cabo nos últimos cinco anos por estes mozos investigadores no grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos desenvolvendo solucións TIC no campo da educación infantil. A idea de negocio de Berce consiste no desenvolvemento dunha ferramenta grazas á cal calquera escola dotada de conexión a Internet poderá , de forma gratuíta, crear e publicar vídeos que narran a experiencia de aprendizaxe e progresos do neno no centro, información que poderá ser consultada polos pais en calquera intre e participar engadindo as súas propias observacións. “Ideamos esta proposta de negocio ante a falta de solucións específicas no mercado para dar soporte á educación de cero a seis anos”, subliña Rubén Míguez, que exerce tamén como responsable técnico da comunidade de blogs da Rede Galega de Escolas Infantís 0-3.

Premios que abren portas

“Conseguir este premio supón unha confirmación á nosa liña e modo de traballo e un impulso enorme para renovar as nosas enerxías no proceso de construción do noso proxecto empresarial”, apunta Víctor M. Alonso, que recoñece que o grao de dedicación e compromiso persoal requirido por unha iniciativa deste tipo é moi alto “o que fai que ás veces teñas que renunciar a moitas outras cousas por levar á práctica a túa idea”.

Satisfeitos por acadar este novo recoñecemento, son conscientes de que os premios abren moitas portas, tanto ante potenciais clientes como ante inversores, incrementando a credibilidade da súa proposta. Xa notaron un cambio de actitude por parte de moitas persoas fronte a súa idea tras gañar o INCUVI-Emprende, “imaxina o efecto que pode ter entón lograr un premio coma este, moito máis competitivo”, subliña Míguez, que explica que neste caso se enfrontaron aos mellores proxectos emprendedores presentados a nivel nacional “e nos que non só a idea, senón todo o teu plan de negocio, é avaliado por expertos en emprendemento”.

Proba piloto en 8 escolas infantís

Na actualidade o proxecto encóntrase na fase final de desenvolvemento da aplicación prototipo. Segundo a planificación prevista, en outubro iniciarán unha proba piloto con diferentes escolas infantís, catro delas pertencen á rede do consorcio (Nigrán, Gondomar, Vigo e San Roque, en Santiago de Compostela) e as outras catro dependen do Concello de Vigo (Santa Cristina, Atalaia, Santa Marta e Saiáns). A aplicación será avaliada nun entorno real durante tres meses por familias e persoal das escolas e, en base aos resultados obtidos, estenderase o uso da solución de forma gradual en escolas públicas e privadas de Galicia.

“O principal obxectivo a acadar nestes meses é, ademais da posta en marcha do piloto, a consecución dunha fonte de financiamento sólida que nos permita abordar con garantías a fase de explotación comercial da solución”, subliña Rubén Míguez, que explica que a medida que a idea de Berce foi madurando, foron incorporando paulatinamente novos colaboradores, algúns dentro do núcleo do proxecto e outros como colaboradores externos (persoal educativo de escolas infantís, pedagogos...)

Emprender, un camiño que merece a pena percorrer

Para os promotores de Berce o esforzo que require o camiño do emprendemento paga a pena cando ves como pouco a pouco as túas ideas se van trocando en algo concreto que podes tocar coas túas mans e que pode achegar algo cara a sociedade. “Formularte as túas propias metas e loitar por alcanzalas é algo que proporciona unha inmensa satisfacción persoal”, subliñan Pérez e Alonso, ao tempo que insisten en agradecer “o apoio recibido por parte da Universidade de Vigo, os promotores da iniciativa INCUVI-Emprende, os nosos compañeiros e amigos do grupo de investigación e os colaborados externos que nos acompañan nesta aposta”.