DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense presenta os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller

Unha Premio Nobel e un intenso programa para reivindicar a igualdade

Haberá conferencias, proxeccións, teatro, seminarios e exposicións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/02/2013
Conferencias, cine, teatro, arte, seminarios, presentacións de publicacións... o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, está próximo no calendario e o campus de Ourense vén de presentar un intenso programa de actividades organizadas para reivindicar a igualdade nunha data tan sinalada. O acto estrela será a visita o día 12 de marzo de Ada Yonath, Premio Nobel de Química no ano 2009, que se achegará ata a cidade das Burgas para falar de ciencia, da muller e a ciencia e dos froitos que dá a curiosidade innata dos investigadores.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, foi a encargada de presentar a os actos, que son froito do traballo da Comisión de Igualdade do campus. “A programación deste ano marcará un antes e un despois nas nosas actividades a prol da igualdade. É unha honra que vaiamos ter por primeira vez no noso campus a unha muller distinguida co Premio Nobel, un referente na ciencia que reúne as tres características que distinguen a un científico extraordinario, como son a intelixencia, a capacidade de traballo e a tenacidade”, destacou María Lameiras, que fixo fincapé na importancia de aproveitar o día 8 de marzo non para celebrar senón para reivindicar unha igualdade que aínda non existe.

A estrela, Ada Yonath

Ada Yonath é una cristalógrafa israelí recoñecida polos seus traballos pioneiros na estrutura dos ribosomas. Actualmente é directora do Centro de Estrutura Biomolecular Helen e Milton A. Kimmelman do Instituto Weizmann. Foi galardoada co Premio Nobel de Química en 2009, sendo a cuarta muller en acadalo, e o Premio L'Oreal-UNESCO para as Mulleres na Ciencia, entre outras moitas distincións. A súa visita, quixo destacar e agradecer María Lameiras, é posible grazas ao físico Claudio Cerdeiriña, que xunto a Diego González e Luís Romaní apoian a organización da visita de Yonath.

A Premio Nobel estará no campus o día 12 de marzo, onde desenvolverá unha intensa actividade. Pola mañá, ás 12.00 h, reunirase con escolares e docentes de centros educativos da cidade para espertar o seu interese pola ciencia e o coñecemento. Ás 13.00 h impartirá un seminario científico ao que están convidados a asistir os investigadores da Universidade de Vigo e de fóra dela que o desexen. Xa pola tarde, ofrecerá unha conferencia divulgativa e aberta a toda a cidadanía titulada Os froitos da curiosidade. A súa intervención, ás 19.00 h, realizarase no salón Marie Curie do campus, salón ao que se lle puxo en 2011 o nome da cientítica lendo unhas palabras escritas precisamente para a ocasión pola propia Yonath.

Actividades ata o día 10 de abril

A programación do Día Internacional da Muller tamén contará cun Ciclo Muller, Historia e Cinema, que se desenvolverá do 6 de marzo ao 10 de abril. Nel proxectaranse as películas Contagio, Caso Nagore, En tierra de hombres, La sonrisa de Mona Lisa, Ángeles de hierro e The deep blue sea, ademais de falar dos estereotipos de muller nos comics Cavewoman e Wonderwoman e da directora de cine Kathryn Ann Bigelow. Cada proxección contará ademais coa intervención dun docente do campus sobre a temática da película, que serán Julia Carballo, Mª José Pérez, Inés Iglesias Canle, Isabel Diéguez, Ana Gueimonde, Beatriz Comendador, Eva Sanjuán, Yolanda Rodríguez, Purificación Mayobre, Pablo Raúl Bonorino Ramírez e Cristina Carro.

O día 6 de marzo celebrarase no Liceo, ás 19.30 h, unha mesa redonda titulada Mulleres pioneiras, profesionais e empresarias en Ourense, coa participación de Mari Luz Villar, xornalista; María Jesús Blanco Piñeiro, arquitecta, e as empresarias Ana María Méndez e Mari Carmen Canal. O día seguinte, o 7 de marzo, terá lugar a presentación do último número de Andaina e da exposición conmemorativa do seu 30 aniversario. Será ás 11.30 h, na Biblioteca Central do campus, coa presenza de Ana Arellano, directora da revista, e de Patricia Arias.

Xa o día 8 inaugurarase no exterior do Edificio de Ferro, ás 12.00 h, a exposición Mulleres vistas por mulleres, unha mirada de xénero (VIII edición), realizada coa colaboración do colectivo Anacos da cidade. Tamén no eido expositivo, o día 11 celebrarase unha visita guiada ás exposicións Sostendo a tremoia, de Rosalía Pazo, na Sala Alterarte, e a Artistas, na Biblioteca central. A visita estará dirixida por Rosalía Pazo e Mar Caldas e comezará ás 11.30 horas en Alterarte.

Para rematar a programación, o 14 de marzo terá lugar a representación María Castaña por parte de Avelaíña Teatro. Será na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, ás 19.00 h, con entrada libre. Por último, o día 20 de marzo Narciso de Gabriel, autor do libro Elisa e Marcela, alén dos homes, falará no Liceo de Ourense sobre a historia destas dúas mulleres galegas que casaron pola igrexa en 1901. O acto, aberto ao público, terá lugar ás 19.30 h.