DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por investigadores da EEI en colaboración coa North Carolina State University

Premio nun congreso en China para un artigo vigués sobre sistemas de xestión de baterías

Foi seleccionado entre 536 traballos presentados neste simposio internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 18/07/2014

Na International Conference on Mechatronics and Control, celebrada da cidade chinesa de Jinzhou do 3 ao 5 de xullo, déronse cita os máis relevantes investigadores e expertos mundiais no eido da mecatrónica e os sistemas de control. De entre todos os traballos presentados, un total de 536, o xurado decidiu premiar un artigo vigués realizado por docentes da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo en colaboración coa North Carolina State University. Titulado FPGA implementation of an observer for state-of-charge estimation in Lithium-Polymer batteries, un dos seus autores é o profesor Juan José Rodríguez Andina, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, que asina o traballo xunto con Noemí Otero, alumna da EEI e os investigadores Mo-Yuen Chow e Habiballah Rahimi Eichi, expertos da universidade estadounidense en redes intelixentes.

Rodríguez Andina explica que este galardón “supón un gran recoñecemento ao interese e calidade das nosas liñas de traballo, e é tamén un espaldarazo indubidable á nosa colaboración con North Carolina State University”. O artigo versa sobre a realización de sistemas de xestión de baterías (Battery Management Systems) que permitan mellorar a eficiencia, fiabilidade e seguridade das mesmas. “Esta é unha área de investigación moi relevante na actualidade no noso ámbito, pola súa relación cos vehículos eléctricos e as redes eléctricas intelixentes (Smart Grids).

Este traballo premiado enmárcase, como explica o profesor Rodríguez Andina, “na colaboración que manteño dende hai anos co profesor Mo-Yuen Chow”. Precisamente, o investigador estadounidense, considerado un dos dez investigadores máis prestixiosos e de maior calidade de EEUU, estivo o pasado mes de maio en Vigo. Na súa estadía na Escola de Enxeñaría Industrial impartiu un relatorio sobre as Smart Grid ou Redes Eléctricas Intelixentes, unha forma de xestión intelixente da electricidade que permitirá, entre outros aspectos, aforrar enerxía, reducir custes e incrementar a usabilidade das redes eléctricas. Explicou Chow que estas novas tecnoloxías “terán un impacto semellante ao que tivo Internet na década de 1990”, cando estaba todo por facer, todo por coñecer, e non se sabían todas as potencialidades da rede. “Ao igual que Internet as Smart Grids son tamén unha fonte de enormes oportunidades económicas e tecnolóxicas….”, subliñou intres antes de iniciar a súa intervención.