DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Rotary Club outorgaralle esta distinción na cea benéfica que terá lugar este venres

O premio ‘Servir’ pon en valor a implicación do campus coa cidade 

Na 22 edición duns galardóns dirixidos a recoñecer méritos sociais ou empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 31/03/2022

O Rotary Club de Pontevedra celebra mañá venres o acto de entrega da vixésimo segunda edición do premio Servir, co que recoñece cada ano a entidades ou empresas que destacasen por méritos sociais ou empresariais que redunden no beneficio da cidade. Neste 2022, este premio será outorgado ao campus de Pontevedra e a súa Vicerreitoría, co propósito de pór en valor as súas accións “de promoción da cultura, protección do medio ambiente e defensa dos principais valores sociais”, como destacaron desde o Rotary Club, que definiu o campus como “un dos piares fundamentais da cidade”. 

A entrega deste premio enmárcase na cea benéfica que o Rotary Club organiza na noite deste venres no Hotel Galicia Palace e cuxa recadación, segundo informou esta entidade, irá destinada á axuda humanitaria para Ucraína. Máis de 150 persoas asistirán a este evento, no que ademais do premio Servir outorgarase tamén unha mención especial ao proxecto Jóvenes en acción do Rotary Club. O acto contará coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o xefe territorial da Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia; e o presidente do Rotary Club, Carlos Alonso; así como do vicerreitor do campus, Jorge Soto, que será o encargado de recoller o galardón. O evento contará así mesmo coa asistencia de diferentes representantes da corporación municipal, da administración autonómica, das organizacións empresariais da cidade e dos corpos e forzas de seguridade do Estado. 

Un campus “valorado pola sociedade de Pontevedra”

“Ser recoñecido por unha institución da magnitude do Rotary Club é unha auténtica honra”, salienta o vicerreitor dun galardón que implica, por unha banda, “que valorasen o esforzo e o traballo destes anos”, pero que tamén pon de relevo, subliña, “que o campus é valorado pola sociedade de Pontevedra”. Nese senso, Soto lembra que “os premios engrandécenos os premiados e neste caso estamos a falar do Museo, do Pontevedra CF, de Magín Froiz...., de institucións e persoas moi significativas dalgún modo na construción da cidade ”. 

No fallo deste premio, feito público o pasado mes na sede da Vicerreitoría, o Rotary Club puña de relevo a importancia do campus “como motor de fomento da formación universitaria” e salientaba iniciativas como o proxecto de especialización Campus Crea, o Green Campus, as actividades formativas abertas ao conxunto da cidadanía, o seu labor investigador, o proceso de creación de dúas novas facultades, Deseño e Dirección e Xestión Pública, e a súa colaboración con entidades e asociacións, entre as que se atopa o propio Rotary Club. “Unha das nosas máximas foi que sempre sentimos que o campus forma parte da cidade”, salienta Soto, que subliña que “cada día é máis visible que a Universidade de Vigo está implicada a moitos niveis no propio dinamismo de Pontevedra", o que lévao a recalcar o seu carácter de “cidade universitaria”.  

“Non falamos só dun campus, senón do que a Universidade xera desde o punto de vista económico, social, cultural, institucional...”, engade o vicerreitor, que pon en valor a implicación do conxunto da comunidade universitaria para que diferentes estamentos e colectivos “vexan o campus como un espazo amigo”. Neste punto, Soto lembra as colaboracións impulsadas con colectivos empresariais como AJE, Aempe ou o Foro Empresa Pontevedra, así como os convenios asinados con “diferentes organismos, institucións e federacións”, que se insiren nese obxectivo de “traballar para que o campus sexa cada día máis relevante no presente e no futuro da cidade”.