DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Premios de máis de mil euros para os mellores proxectos fin de carreira de Informática e Telecomunicación da Eurorrexión

A finalidade do certame é vencellar a investigación da universidade co mundo empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 03/12/2009
Vincular a investigación que se fai na Universidade co mundo empresarial é o principal obxectivo do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, unha iniciativa organizada por Expourense coa colaboración das tres universidades galegas. O certame premiará o mellor proxecto fin de carreira feito por estudantes das ramas de Informática e de Telecomunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os traballos deberán presentarse no rexistro de Expourense antes das 13.00 horas do 16 de decembro e o xurado reunirase o día 17 de decembro, no transcurso dun acto no que os seus membros valorarán os traballos presentados e nomearán aos finalistas, que deberán presentar os seus proxectos nun tempo máximo de dez minutos. O tribunal fará público o resultado o mesmo día 17 de decembro.

Excelencia académica, innovación e aplicabilidade empresarial

Para a concesión dos premios o xurado vai ter en conta dous factores fundamentais: se existe desenvolvemento de software libre e a orientación do proxecto cara a innovación empresarial. Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, subliña así mesmo outras dúas calidades importantes: o grao de excelencia académica e a aplicabilidade dos proxectos. E fai fincapé na importancia do certame para dar a coñecer o traballo dos alumnos no entorno empresarial. Segundo explica, “este tipo de certames permiten que os empresarios de Galicia e do norte de Portugal vexan o tipo de traballos que poden desenvolver estudantes que son xa case profesionais”. Só na Escola de Informática de Ourense preséntanse unha media de 150 proxectos fin de carreira ao ano –no 2008, por exemplo, houbo 90 traballos de Enxeñería Técnica e 60 de Enxeñería Superior-. Ademais, o 40% destes traballos fanse en colaboración con empresas de todos os sectores empresariais, dende cafeterías e casas rurais ata administracións públicas. Enrique Barreiro afirma que estes datos “supoñen 120.000 horas de traballo que os estudantes dedican a xerar aplicacións informáticas que poden aportar un valor á industria da nosa provincia”.

A importancia de saber comunicar ante empresarios, académicos e funcionarios

O certame persegue tamén sensibilizar ao sector empresarial da importancia da investigación tecnolóxica para aumentar o grao de produtividade e de competitividade da súa compañía. E, como non, estimular a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial. Con todo, Enrique Barreiro fai fincapé noutro aspecto do concurso que cualifica de “moi importante” para o estudantado: a posibilidade de expor o seu traballo ante un público e un xurado integrado por académicos e representantes da administración pública e do sector empresarial. Segundo explica, “un enxeñeiro informático é alguén que debe saber comunicar os resultados do seu traballo. Debe saber explicarlle ao empresariado como vai rentabilizar esa inversión e en qué medida o sistema informático que lle propón achega valor á súa empresa”. De feito, e conscientes da importancia de desenvolver as capacidades comunicativas do alumnado, o título de Informática conta cunha materia en cuarto que trata, precisamente, das Técnicas de comunicación e liderado.
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos conta con dúas modalidades: Grao Superior, para as titulacións superiores, dotado con 1.250 euros para o primeiro premio; 700 para o segundo e 300 para o terceiro. E o Grao Medio, para as titulacións técnicas, dotado con 1.000, 500 e 200 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Non obstante, os premios poderán quedar desertos se o xurado considera que ningún dos traballos acada a calidade suficiente.