DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abren unha tenda detrás da Subdelegación do Goberno de luns a sábado ata o 5 de xaneiro

Unha prenda de Esdemga na lista de agasallos de Nadal

A iniciativa pretende achegar as novas promesas da moda á realidade comercial do sector

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 16/12/2011

Este ano en lugar de mercar unha camiseta de Inditex como agasallo de Nadal para os seres queridos, pódese ser máis exclusivo e optar por unha deseñada polo alumnado de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza. Dende este venres e ata o vindeiro 5 de xaneiro calquera pode achegarse ata unha pequena tenda na Rúa de Prudencio Landín número 10 (detrás da Subdelegación do Goberno), aberta de luns a sábado en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.30 horas, na que os estudantes terán á venda prendas confeccionadas durante as súas horas de clase.

Esta iniciativa xorde da man do alumnado interesado en continuar coa primeira experiencia comercial levada a cabo en Debut 2011 coa instalación dun showroom á beira da pasarela. “Os estudantes quixeron ampliar ese proxecto dun só día e desenvolver unha estratexia de ventas que lles permita recuperar algo do diñeiro investido nas súas creacións”, explica Lola Dopico, directora de Esdemga. Ademais de recadar fondos para futuras coleccións, a xestión desta tenda por uns días permitiralle ao estudante coñecer todo o ciclo de comercialización dunha prenda de moda ademais de contactar directamente co cliente, “recibindo información de como o seu produto é percibido polo mercado”, engade Dopico. Para sacar o máximo proveito desta experiencia, colocarase na tenda un libro de suxestións no que calquera cliente pode deixar un comentario sobre o que lle gustou ou non da roupa ofertada. “Queremos recoller a opinión da cidadanía para facernos unha idea de como as súas propostas son contempladas na contorna”, sinala a directora de Esdemga.

Dende camisetas a paxarelas

O potencial cliente disporá dunha gran variedade de propostas, todas de carácter exclusivo e confeccionadas de maneira artesanal. Moitos dos produtos á venda son resultado de proxectos desenvoltos en clase, “aínda que algúns, aproveitando a ocasión, deseñaron prendas ex professo para pór a disposición do público”, salienta Dopico. O cidadán atoparase con camisetas estampadas a man, camisas, bufandas de moi diferentes cores tecidas no obradoiro de punto, bixutaría, bolsos, garabatas, “ata unha colección de paxarelas artesanais e innovadoras deseñadas por dúas alumnas da escola”.

Para levar adiante este proxecto, Esdemga contou co apoio incondicional de Escoitar.org, “un colectivo que traballa na difusión da cultura e que leva colaborando coa escola dende o principio”. Escoitar.org encargouse de toda a organización do proceso de venta, “xa que os estudantes de forma independente non poderían vender de forma regular”, apunta Dopico.