DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nelas abordouse esta temática de xeito transversal e en diferentes períodos

A preocupación pola morte centra unhas xornadas da Facultade de Historia

O centro tamén celebra este venres unha actividade sobre saídas profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 26/10/2023

A Facultade de Historia do campus de Ourense celebra este xoves e venres sendas accións dirixidas ao seu alumnado. Así, hoxe tivo lugar a xornada A morte na Historia, na que se abordou esta temática de xeito transversal e en diferentes períodos. Xa mañá venres, de xeito virtual, desenvolverase unha actividade de orientación profesional.

Na xornada A morte na Historia interviron Claudia Valeria Alonso, investigadora Margarita Salas da Universidade de Vigo, que falou sobre os cultos funerarios en época micénica; Marta Cendón, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, que ofreceu  unha conferencia sobre a actitude ante a morte no medievo, concretamente da arte como petrificación da memoria, e Llorenç Pujol, doutor en Ciencias Antropolóxicas da Universidad Autónoma de Yucatán (México), que abordou a violencia, morte e prácticas funerarias desde a arqueoloxía. Na presentación da xornada, o vicedecano do centro, Domingo Rodríguez salientou a forte vinculación da historia coa morte e o interese de abordar este tema desde a academia.

A actividade contou co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e forma parte das actividade da Facultade de Historia, da súa programación didáctica, na que participan todas as áreas con actividade neste centro. A xornada deste xoves deu continuidade á celebrada en abril deste ano, titulada Violencia e morte na historia, e con elas quíxose abordar unha temática transversal á diferentes áreas. “A morte é unha constante na historia da humanidade, un tema omnipresente nos seres humanos e polo tanto na historia e na arte. Na historia maniféstase desde diferentes perspectivas, escollendo neste caso como enfoque para a xornada a preocupación pola morte en diferentes etapas e as súas expresións artísticas”, comentou Julio Prada, decano da Facultade de Historia.

Xornadas de saídas profesionais

A programación de actividades da Facultade de Historia continuará este venres coa celebración dunha xornada de saídas profesionais, que se desenvolverá en liña. O centro publicará desde primeira hora unha serie de materiais audiovisuais nos que diferentes profesionais, principalmente tituladas e titulados de grao e mestrado deste centro, explican a súa traxectoria profesional, orientando ao alumnado a través da súa experiencia persoal e laboral. Nos videos, Mónica Blanco, fala sobre o seu traballo en xestión cultural no Museo de Alfararía de Niñodaguia; Tania Carreira sobre o emprego nunha administración pública; Pablo García sobre a orientación cara a investigación; Rubén López sobre o acceso á función pública docente e Laura Vázquez sobre a experiencia en turismo e xestión cultural. Para completar os contidos, Reyes Fernández, da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, explica ao alumnado diferentes opcións laborais que teñen, alén da preparación de oposicións, e como enfocarse cara elas. Esta iniciativa é similar á desenvolvida o pasado curso académico, destacando desde a facultade organizadora o bo resultado que dá “o tratamento entre iguais” que ofrece esta actividade ao pór en comunicación alumnado e antigo alumnado.