DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Preocúpame o desfase que existe entre o mundo ideal e a realidade”

O artista Vicente Blanco participou na terceira xornada do ciclo de cinema "O final da historia"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 22/04/2010

O home elefante é a proposta de hoxe no ciclo de cinema O final da historia, que trae cada xoves de abril un convidado á EU de Fisioterapia para xerar debate e coñecemento sobre saúde e calidade de vida desde ámbitos diversos. Desta volta é o artista Vicente Blanco quen achega á mirada sensible propia das Belas Artes para falar de temas como a discapacidade, a diferenza e a construción da identidade persoal. O encontro, titulado Obxectos, pezas, persoas, ten por obxecto abordar os conflitos internos que pode xerar o medo ao rexeitamento en situacións socialmente pouco consolidadas como a que presenta o coñecido filme de David Lynch.

O desexo de pertenza ao grupo

“Resultoume moi interesante este convite pola oportunidade de tratar a discapacidade desde unha perspectiva diferente”, comenta Vicente Blanco. “A maioría das veces o problema contexto, nos múltiples prexuízos que ten a xente”, engade, lembrando como ao principio desta longametraxe o médico trata ao protagonista como se fose un enfermo. O artista considera que a maioría das veces a discapacidade na ollada dos observadores que tenden a facer clasificacións categóricas.
O home elefante permite tamén traer á fronte outros aspectos que ás veces conducen á exclusión e á xenofobia e que van dende a homosexualidade ou a cor da pel ata cuestións de patio de colexio. Segundo Vicente Blanco, “a clave reside en que todos queremos pertencer ao grupo, pero cando existe unha diferenza física, sexual ou doutra índole é máis difícil ese acceso”. De novo, cita como detonantes os prexuízos e os estereotipos, que impiden entender e acoller a diferenza.

A adolescencia como paso do mundo ideal ao das convencións

No seu propio traballo creativo adoita empregar cuestións de identidade, para analizar como se constrúe mediante imaxes, pequenos xestos ou actitudes. “Traballo moito coa adolescencia, esa etapa de transición do mundo infantil ao adulto, do mundo ideal ao das convencións, que inflúe tanto na creación da identidade das persoas”, sinala. Traslada tamén este conflito á sociedade en xeral: “preocúpame o desfase que existe entre a construción do mundo ideal que todos temos e a realidade”. Ao seu ver, este desfase é grande, polo que fai difícil a integración das persoas no seu contexto.
Ante todo, entende a arte ante todo como unha maneira de reflexionar e cuestionar o mundo no que vivimos, facendo que o espectador reaccione e faga a súa propia interpretación. “Non se trata de promover un cambio político, pero si un cambio individual e tamén colectivo na maneira de ver as cousas”, explica. “Tendemos a asumir as perspectivas convencionais como se fosen propias, pero as cousas poden facerse de moitas maneiras diferentes e por iso a arte é ás veces dolorosa”, engade.
Agora mesmo está desenvolven un proxecto sobre a arquitectura galega que quedou no esquecemento, rexistrando edificios abandonados, extraéndoos do seu contexto e completándoos con partes imaxinadas, para darlles unha nova vida e usos diferentes nas obras.

Aplicación lenta da práctica interdisciplinar

Vicente Blanco compaxina o seu traballo artístico coa actividade docente na Universidade de Compostela. Neste sentido, considera que prácticas como o ciclo de cinema no que participa, que tenta achegar coñecemento desde diferentes disciplinas, ten que ser a tónica dominante no ensino universitario, pero queda aínda moito por facer. “A universidade como institución é lenta ante o cambio e o excesivo número de alumnos por aula impide o seguimento e achegamento que require o tratamento interdisciplinar”, apunta ao respecto. Así mesmo, lamenta o desprestixio xeral das humanidades fronte ás titulacións científicas.