DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Santos, que formará parte do xurado do desfile, ofreceu un relatorio sobre o futuro da m

Preparado para que a pasarela Debut “sorprenda e emocione”

Este mércores alumnado de Esdemga mostrou as súas creacións para o proxecto en colaboración con Desi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 21/11/2012

Coa expectativa de que os estilismos presentados en Debut 2012 o “sorprendan e emocionen”, chegou a Pontevedra o consultor de tendencias Juan Carlos Santos, que mañá xoves decidirá cos demais membros do xurado, quen será o estudante gañador ou gañadora desta nova edición do desfile. Achegouse un día antes “do grande evento” para participar nas xornadas profesionais que Esdemga, Estudos Superiores en Deseño e Moda Téxtil de Galiza, organiza ao abeiro da pasarela para compartir co alumnado a súa visión sobre o futuro da moda, “que pasa pola asociación entre o fast-fashion e a artesanía”, destacou.

Como membro por primeira vez do tribunal que decidirá a colección gañadora de Debut 2012, Juan Carlos Santos confesou sentirse “moi ilusionado” de formar parte deste proxecto docente moi rico a nivel conceptual. “A moda ten que transmitir historias, ideas e actitudes á sociedade e precisamente a maior carencia das escolas de deseño que coñezo é a pouca base conceptual, pero cando souben da liña de Esdemga impresionoume o seu alto nivel”, sinalou o experto, de aí que sinta “unha especial curiosidade” polas coleccións que se presentarán mañá na pasarela. “O que busco son sensacións e ideas contadas a través de estilismos ben expresados plasticamente e que provoquen en min reflexións, que me movan internamente”, describiu Juan Carlos Santos para explicar como orientará a súa valoración de mañá.

O fast-fashion, motor da moda actual

O alumnado de Esdemga aproveitou a visita de Juan Carlos Santos a Pontevedra para coñecer da súa man “como están as cousas no mundo da moda”. Este consultor de tendencias que traballa para marcas como Loewe confirmou que o sector se atopa nun dos momentos de maior cambio “pero con moitas opcións para situarnos á vangarda do mercado internacional”. Para atopar o camiño do éxito, Santos salientou dous eixes estratéxicos que convén potenciar, un novo concepto de artesanía “fresca que busque novos imaxinarios” e un despegue do fast-fashion “que é unha derivación do low-cost sen a connotación do baixo prezo e que se está convertendo no elemento motor para esta transformación”. Grupos empresariais como Zara sitúan a España como a primeira potencia mundial neste novo concepto de moda “pero fai falla que estas corporacións empecen a mirar cara os novos creadores para ser líderes do sector”, concluíu.

Mostra dos estilismos para Desigual

Este mércores, ademais do relatorio de Juan Carlos Santos, a marca Desigual representada por Israel López, tamén membro do xurado de Debut 2012, coñeceu os resultados finais do Proxecto Célula, unha colaboración que a firma barcelonesa puxo en marcha con Esdemga hai un ano co fin de achegar ao alumnado de primeiro curso á realidade do mercado da moda. Os participantes presentaron ante Israel López, o deseñador Xosé Castro, impulsor da iniciativa, e ante Lola Dopico, directora de escola, os seus deseños que debían respectar a liña conceptual de Desigual. De todas as propostas presentadas seleccionouse unha que se dará a coñecer durante o transcurso do desfile.