DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A promoción 2011 de Pont-e Facebook Group despediuse coa celebración da 'Gala Fin de Curso'

Preparados para dar o salto ao mercado profesional das redes sociais

Nomearon á vicerreitora do campus, Antonia Blanco, madriña do grupo de alumnos de 4º de Publicidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 04/05/2011

A hora da verdade achégase, o tempo de ensaios estase a esgotar e dentro de pouco xa non estarán nin a facultade nin o profesorado para protexelos e axudalos. Conscientes da súa nova situación, Pont-e, o grupo con 'sede' en Facebook formado por alumnado de 4º de Publicidade e Relacións Públicas, quixo pór a proba as súas capacidades profesionais coa celebración da gala Fin de Curso 2010-2011 coa que, ademais, puxo fin ao seu período formativo. Aproveitaron a ocasión para nomear á vicerreitora do campus, Antonia Blanco, madriña desta nova promoción, da que destacou “a ilusión e a boa preparación coa que saen ao mundo laboral”.

Como futuros profesionais, o alumnado afonda na vertente formativa destes eventos, “máis aló da diversión e de pasar un bo intre”. Como comentou Alexandra Morgade, alumna e coordinadora de Pont-e, a organización destes actos supón “practicar a profesión a través das redes sociais”. Trátase, en definitiva, de desenvolver unha campaña publicitaria real na que, “ademais de crear o contido, desenvolvemos toda a promoción do evento, comunicámosllo ao noso público obxectivo e adaptamos a mensaxe ao medio que se empregue, porque non é o mesmo dirixirse aos usuarios de Facebook, de Twitter ou de Linkdn”. Morgade engadiu que Pont-e lles permitiu a todos “aprender cara o noso futuro máis aló do exposto nas aulas” ademais de “madurar profesional e persoalmente, gañando en seriedade e en compromiso”.

Futuros community managers

Este tipo de prácticas preparan ao alumnado de Publicidade e Relacións Públicas para realizar labores de community managers ou para ser responsables de promocións en rede, “os postos máis demandados nestes momentos”. Ademais, como apuntou a coordinadora de Pont-e, “puxemos en práctica os nosos coñecementos sobre relacións públicas póndonos en contacto e á disposición de todos os medios de comunicación e logrando unha boa repercusión dos nosos actos”. A consecución desta visibilidade pública foi unha cuestión que a vicerreitora Antonia Blanco tamén salientou, “o que pon de manifesto a súa forma de traballar case profesional”.

Despedida cargada de sorpresas e de emocións

Os alumnos e alumnas de Pont-e vestíronse de gala e despregaron, como se da entrega dos Oscar se tratase, unha alfombra laranxa pola entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “en honra á nosa cor corporativa”. Aproveitaron o acto para nomear a Antonia Blanco nova madriña da xeración Pont-e, “tanto pola súa dedicación ao campus pontevedrés como pola súa proximidade á comunidade universitaria”, expresou Morgade. Fixéronlle entrega dun ramo de flores, dun diploma e dunha 'sneaker' branca, “que moi poucos teñen o privilexio de ter”. A profesora coordinadora de Pont-e, Isabel Suárez, tamén recibiu a súa recompensa con outro ramo de flores, quen recoñeceu “que resulta moi doado ensinar cando hai motivación e ganas”.

O acto de celebración rematou coa proxección dun 'lipdub' ideado, protagonizado, gravado e montado polos propios alumnos de Pont-e, no que recrearon o transcorrer da vida pola zona monumental da cidade pontevedresa coa inserción de aplicacións típicas das redes sociais. Así mesmo, proclamaron o gañador do concurso La foto que no querrías que viera tu jefe, facéndolle entrega dun marco dixital “no que quedarán recollidos todos as lembranzas desta nova xeración que traballou por e para Pont-e”.