DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Increméntase de 6 a 25 o número de alumnos de Dirección e Xestión Pública que comezan as súas prácti

Preparados para xerar valor na administración pública

A Deputación de Pontevedra ou os concellos de Pontevedra e Cambados son algúns dos destinos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 06/03/2012

Preparados para contribuír na xestión das institucións galegas. Os alumnos e alumnas do último curso do Grao en Dirección e Xestión Pública da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comezan a súa andaina profesional en diferentes institucións de Galicia cun programa de prácticas coordinado polo profesor Enrique Varela. A Deputación de Pontevedra, os concellos de Pontevedra e Cambados, o Eixo Atlántico e a Fundación Galicia Europa entre outras, acollerán a estes estudantes “que ademais de vivir unha experiencia preprofesional, serán útiles para a sociedade resolvendo problemas concretos no eido da xestión e xerando valor”, explica o profesor Varela. Tal é a preocupación do alumnado por completar a súa formación “que pasamos de ter seis estudantes a 25, multiplicando por catro os datos do ano pasado”, engade.

O profesor Enrique Varela quere que este programa de prácticas lle sirva ao estudantado como primeira toma de contacto co mundo real da xestión e da dirección pública “pero tamén como un pago ás cargas impositivas da sociedade”. Contar con estes futuros profesionais entre o seu persoal “tamén é conveniente para as administracións”, declara Varela, xa que “poden botar man de persoas novas e competentes que coñecen o sistema público e que son quen de facer algo útil polo sistema”. Para o coordinador das prácticas, este programa logra “unha verdadeira transferencia de coñecemento entre institucións” e lembra a confianza do sector administrativo nos activos da Universidade “comprometéndonos en cumprir as expectativas postas en nós, tal como fixemos en anos anteriores”, engade.

Resolución de problemas concretos

Este grupo de 25 alumnos acode ás distintas institucións con un obxectivo moi marcado, “pois cada equipo, xa definido, terá que ser quen de resolver problemas públicos concretos nas institucións ás que foron asignados”, puntualiza Varela. Deste xeito, un total de 12 alumnos e alumnas do grao incorporaranse ao Concello de Pontevedra repartidos en tres grupos de traballo, dous dos cales colaborarán coa empresa pública VisitPontevedra “continuando con proxectos anteriores de estratexia de promoción en redes sociais e de redefinición da carta de servizos”, mentres que un terceiro integrarase na Concellería de Turismo e Promoción Económica. Os concellos de Cambados e Pereiro de Aguiar tamén recibirán un estudante en prácticas “que se ocupará de labores de apoio, ao ser institucións de menor envergadura”.

Seis alumnos estarán baixo as directrices da Deputación de Pontevedra, dous orientados á xestión económica e tributaria e os restantes dedicados a deseñar a carta de servizos da institución. Unha das novidades que incorpora este ano o programa de prácticas é a colaboración coas organizacións sen ánimo de lucro. “Non hai que esquecer que unha porcentaxe importante do financiamento do terceiro sector provén de subvencións públicas polo que necesitan dunha lóxica de xestión neste eido”, reflexiona Varela, de aí que a Asociación Amizade, o Eixo Atlántico e a Fundación Galicia Europa acollan alumnos e alumnas do Grao en Dirección e Xestión Pública.

Titorización previa de antigos alumnos

Os estudantes que comezan este novo reto de estrearse no mercado laboral están moi ilusionados “aínda que a expensas do que nos poidamos atopar e con nervios de último hora”, comentan. Para paliar esta situación de inquedanza, o profesor Varela introduciu neste programa de prácticas unha etapa previa “de acompañamento” na que antigos alumnos e alumnas que xa realizaran prácticas con anterioridade en ámbitos semellantes titoricen os primeiros pasos dos novos titulados. “Trátase de aproveitar os recursos propios e dar valor a aqueles proxectos que con anterioridade xa se comezaran nas institucións, mantendo a confianza, o coñecemento e a ilusión de sempre”, apunta Varela.