DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración da II Xornada de Innovación en Xénero, Docencia e I+D+i

A presencia de mulleres nos grupos de investigación mellora a eficiencia e a excelencia

Segundo explicou a catedrática da Universidade Complutense de Madrid, Cecilia Castaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/12/2012
As mulleres na ciencia e nas enxeñerías son poucas, en postos poucos elevados e presentan unha alta taxa de abandono. Isto choca frontalmente dos criterios de universalidade e calidade que debe ter o eido científico, xa que a presenza de mulleres nos grupos de investigación mellora a eficiencia e a excelencia dos mesmos. Con datos, cifras e testemuñas acompañou este argumento a a catedrática da Universidade Complutense de Madrid, Cecilia Castaño, encargada de impartir a lección inaugural da II Xornada de Innovación en Xénero, Docencia e Investigación. Segundo explicou, “a economía precisa das mulleres, porque con elas os resultados melloran” e poden xogar un papel destacado para cubrir o baleiro que algúns países do norte de Europa teñen de persoal altamente cualificado en enxeñarías ou tecnoloxías.

Neste sentido, a experta en xénero nas TIC subliñou que os membros dos grupos con presenza feminina identifican claramente as causas que impiden que as mulleres ocupen postos de responsabilidade na I+D+i e nas tecnoloxías: “barreiras institucionais, unha forte cultura masculina no sector, os problemas para conciliar e os estereotipos de xénero”. Pola contra, os grupos sen diversidade de xénero falan de “falta de interese por parte da mulleres”. Estes datos son resultado dun estudo realizado polo grupo coordinado por Cecilia Castaño, que ten traballado tamén na elaboración de políticas de igualdade para o Goberno como o Plan de Acción de Igualdade de Xénero ou o Plan Estratéxico de Igualdade.

O tecnofeminismo

O traballo de Cecilia Castaño céntrase no papel das mulleres no eido das tecnoloxías da información e a comunicación, tradicionalmente masculinizado. Dende o punto de vista do “tecnofeminismo”, a catedrática subliñou que os estereotipos e os papeis de cada sexo “constrúense, non veñen dados, a clave reside na educación”. Apostou tamén por romper a división de creador/usuario no campo da tecnoloxía, onde a muller pertence normalmente ao segundo grupo, para mellorar en eficiencia e que elas sexan tamén deseñadoras e creadoras de programas e software.

A mostra clara desta situación na actualidade está na masculinización de carreiras de enxeñarías, telecomunicación ou informática. É unha situación que se retroalimenta, “a forte presenza de homes fai a estas titulacións pouco atractivas para as mulleres”, que optan por outro tipo de carreiras consolidando a masculinización. Tamén os roles sociais tradicionalmente impostos ás mulleres teñen o seu peso á hora de decidir a titulación, cunha maioría feminina no eido sanitario, enlazando co rol de “coidadoras” que se lles atribúe tradicionalmente .

O estudos de Castaño amosan unha escasa presenza feminina tamén en grupos de investigación e en empresas privadas no eido da informática e as TIC. ”É unha situación preocupante porque non só non se avanza neste campo, senón que mesmo se está a retroceder”.

A crise non pode ser unha escusa

No acto de apertura da xornada, tanto reitor da Universidade, Salustiano Mato, como a directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, coincidiron en remarcar que a crise e os recortes non poden poñer freo aos avances sociais de cara á igualdade real de xénero. “Este é un obxectivo transversal da Universidade de Vigo e ten que permear calquera tipo de actividade”, destacaba o reitor. Pola súa banda, González Penín lembrou que a Universidade vén de aprobar o seu primeiro Plan de Igualdade, un documento que agarda que “se aplique, se cumpra e teña unha repercusión real na institución académica, consolidándonos a nivel estatal como un referente na igualdade de xénero”. Remarcou a responsable da área que a crise está “devolvendo ás mulleres a espazos de pouco protagonismo, apegándoas outra vez ao fogar”, coincidindo co reitor no feito de que esta crise se está empregando como escusa para realizar “cambios ideolóxicos”.

44 traballos presentados

Ao longo desta xornada de traballo e reflexión expuxéronse máis de 20 traballos elixidos polo tribunal entre os 44 presentados, o que Anabel González Penín cualificou como un éxito e tamén un reto para seguir traballando en “espazos coma este nos que se dan cita universidades e institucións de toda España para erradicar as desigualdades”. Entre outros temas afondouse nas políticas de conciliación, na igualdade nas universidades, na violencia de xénero, o emprendemento, a exclusión social, a emigración, a prostitución, a lingua e o sexismo ou as mulleres na arte.