DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrinca en Santiago o II Congreso Mundial da Educación Educa 2019

Presente e futuro da educación debátense nun foro internacional con máis de 800 asistentes

O evento conta coa colaboración das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/02/2019

Con máis de 800 inscritos e inscritas, o II Congreso Mundial de Educación Educa 2019, que a asociación Educa promove coa colaboración das tres universidades galegas co propósito de servir como un foro de intercambio de coñecementos e experiencias didácticas entre profesorado e alumnado de todas as etapas educativas, celebra este xoves a súa xornada inaugural na Cidade da Cultura. Promovido por unha asociación integrada por investigadores das tres universidades galegas, co apoio da plataforma MIAC (Maestros Innovadores Alumnos Competentes), o programa deste congreso internacional, que se estende ata este sábado 23, reúne 29 conferencias, a presentación de máis de 160 investigacións e a organización dunha serie de grupos de traballo, xunto coa celebración, na tarde do sábado, da gala de entrega dos premios Educa Abanca ao mellor docente de España.

O acto inaugural deste Congreso Mundial de Educación contou, na mañá deste xoves, coa participación do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; o vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María do Mar Lorenzo; a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez, e o presidente do comité organizador, o profesor da universidade coruñesa Víctor Arufe. 

“A Universidade de Vigo, consciente da importancia que ten a educación como un proceso xerador de cambios, apoia este tipo de eventos, xa que consideramos que o desenvolvemento de congresos deste nivel poñen en valor non só á educación senón tamén á comunidade galega”, salientou Soto dun congreso que presenta unhas “cifras espectaculares” na súa segunda edición, na que reúne durante tres días “a máis de 800 congresistas” e achega a Galicia “conferenciantes do máis alto nivel”, como é o caso da gañadora do premio Global Teacher 2018, Andria Zafirakou, profesora da escola comunitaria de Alperton, en Londres. Do mesmo xeito, o representante da Universidade de Vigo na apertura deste foro, que conta no seu comité organizador con varios investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, quixo tamén pór en valor a importancia deste tipo de iniciativas como “fonte de comunicación e intercambio de coñecemento” entre profesionais das diferentes etapas educativas.

Tres xornadas de actividade 

Ademais de coa participación de Andria Zafirakou, responsable da conferencia de apertura, o congreso acolleu tamén na mañá deste xoves as conferencias de Mar Romera, da Asociación Pedagóxica Francesco Tonucci, da consultora estadounidense LaVonna Roth e dos profesores Roberto Busquiel, do Padre Dehón de Novelda, e Jorge Lago, do colexiio BVM Irlandesas de Madrid. Un total de 29 conferenciantes forman parte do programa dun evento que, nas próximas xornadas, contará tamén coa participación, do profesor da Universidad de Belgrano arxentina Hernán Aldana, quen falará de “como sobrevivir na aula na era da distracción dixital”, na conferencia de clausura; así como co profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna, quen protagonizará, xunto ao investigador da USC Antonio Rial, unha das conferencias plenarias deste congreso internacional, que centrarán nas claves e desafíos para educar na sociedade actual.

Ás diferentes conferencias plenarias súmanse así mesmo, na tarde deste xoves e na de mañá venres, a celebración dunha serie de grupos de traballo centrados nas seis áreas en torno ás que se articula este congreso: educación infantil; física, artística e musical; idiomas e linguas estranxeiras; ciencias sociais e humanidades; ciencias naturais e matemáticas e xestión, dirección de centros, educación emocional ou atención á diversidade. O evento complétase, por outra banda, coa presentación dun total de 166 pósters e comunicación e coa gala de entrega dos premios impulsados pola plataforma Educa para recoñecer o labor das e os docentes de diferentes niveis educativos.