DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Curso en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo

Presente e futuro dos fondos e plans de pensións

Desenvolverase ao longo de toda a semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 01/10/2007

Os recentes cambios na lexislación sobre os fondos e plans de pensións, fan necesaria unha actualización dos coñecementos neste ámbito. Con este obxectivo de renovación, a Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo organiza estes días un seminario que se desenvolve no Centro Social Caixanova.
Dirixido polo profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, José Luís Sáez Ocejo, este curso estenderase ata o vindeiro venres e contará numerosos especialistas que afondarán nestes produtos financeiros. Ao longos destas cinco xornadas abordaranse temas como a situación actual dos fondos e plans de pensións, a valoración dos seus aspectos financeiros e fiscais, os criterios e métodos de selección das carteira de inversións destes plans, as estratexias e xestión dos mesmos así como a necesidade dun código de bo goberno tanto para os fondos como para os plans. Moitas destas cuestión semellan prioritarias despois dos diversos cambios recentes lexislados neste tipo de produtos, o que esixe unha actualización de coñecementos e consolidación de capacidades. Por outra banda, as dúbidas sobre o futuro do sistema de pensións por parte da Seguridade Social fan tamén necesario un maior control sobre estes produtos financeiros, con amplas posibilidades de revalorización.

Destinatarios e contidos

O seminario, que comezou este luns está dirixido tanto a alumnos das universidade galegas que cursen estudos relacionados coas finanzas, como a alumnos de formación profesional e ciclos formativos superiores no ámbito económico-empresarial e tamén a profesionais do sector financeiro, co obxectivo de actualizar coñecementos no ámbito no que desenvolven a súa traxectoria profesional.
Neste primeira xornada do curso, o profesor da Universidade de Vigo, Francisco Rodríguez de Prado, presentou os aspectos xerais do funcionamento dos fondos e plans de pensións. Nos vindeiros días trataranse temas como as novidades da Lei do IRPF en materia de previsión social, os criterios na elección dun destes produtos, as política de inversións en renda fixa nos plans de pensións, as estratexias de inversión na renda variable, o papel das comisións de control ou as normas contables nacionais e internacionais sobre os compromisos cos traballadores e a xestión destes plans.