DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na clausura da 1ª edición do Máster en Xestión e Dirección Laboral

A presidenta do Tribunal Constitucional, Mª Emilia Casas, reflexiona no campus de Vigo sobre o dereito á folga

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/06/2009

A presidenta do Tribunal Constitucional, Mª Emilia Casas, visitou este venres a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo para clausurar a primeira edición do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral co que saen á rúa trinta profesionais de alto nivel para a xestión dos recursos humanos e de todo o relacionado coa seguridade social. “Uns profesionais moi necesarios en Galicia, especialmente na nosa bisbarra, xa que con eles se cubre un baleiro importante na formación a nivel superior dos técnicos en relacións laborais”, sinalou o coordinador do máster, Jaime Cabeza, ao inicio do acto.
Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social ao igual ca Mª Emilia Casas, foi o encargado de presentar aos alumnos unha breve perspectiva da traxectoria académico-profesional da presidenta do Tribunal Constitucional destacando, ademais do seu cargo actual que exerce desde 2004, as súas múltiples e variadas publicacións, “entre elas é coautora do manual por referencia do Dereito do Traballo, que en setembro de 2008 alcanzou xa a súa 25ª edición”.

Só a autoridade gobernativa ten potestade para fixar servizos mínimos

Como peche ao máster, a presidenta do Tribunal Constitucional ofreceu aos estudantes unha última lección ou, tal e como ela salientou, “unha reflexión intelectual sobre o dereito de folga, os servizos esenciais e a responsabilidade política”.
Mª Emilia Casas, que manifestou a súa satisfacción por visitar a facultade viguesa, iniciou a súa intervención solicitando aos asistentes un minuto de silencio polo atentado da banda terrorista ETA que esta mañá en Bilbao lle custou a vida ao inspector da Policía Nacional, Eduardo Antonio Puelles García.
Facendo un breve repaso histórico ao dereito de folga en España, Casas partiu da Constitución de 1978, á que ser referiu como “a norma máis sabia que soubemos dar os españois” e, en concreto, centrouse no artigo 28.2, no que se recoñece o dereito de folga coma un dereito fundamental.
Na actualidade, a falta dunha lei que regule o mantemento dos servizos esenciais á comunidade, a presidenta subliñou que só a autoridade gobernativa, e non un órgano administrativo, ten potestade para fixar os servizos mínimos, “pois ninguén máis democrático que esa autoridade elixida nas urnas para impoñer eses servizos”, salientou. Na autoridade gobernativa Casas incluíu o Goberno nos seus diferentes niveis, é dicir, nacional, autonómico e local, así como aqueles cargos nos que estes gobernos deriven responsabilidade política “caso, por exemplo, dos delegados do Goberno”.

Colofón a un máster pioneiro

Este acto, ao que tamén asistiron o decano da facultade, Fernando Lorenzo, e o vicepresidente do Consello Social, Luis Carrera, supón o colofón dun máster que se xerou na Universidade de Vigo como resposta á necesidade de ofrecer formación a nivel superior dos diplomados en Relacións Laborais.
Para a súa posta en marcha, Cabeza destacou que se contou co apoio dun amplo equipo de docentes e dunha longa lista de profesionais externos á Universidade -técnicos da Seguridade Social, maxistrados, avogados, responsables de recursos humanos, inspectores de traballo...- así como “dun amplo número de entidades colaboradoras que foron os que facilitaron que fixésedes as vosas prácticas”.
A xestión laboral, sobre todo a nivel de asesoría, perfílase coma unha das principais saídas profesionais para os novos titulados. A isto hai que engadirlle todo o que son traballos en departamentos de persoal das empresas, así como temas de xestión da Seguridade Social, basicamente en mutuas. Ademais, non hai que esquecer que o máster lles abre a porta aos profesionais das relacións laborais da función pública, porta que ata estes intres estaba pechada, cando menos en Galicia.