DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Foro Galego de Economía e Empresa celebrado este venres na Facultade de CC Empresariais e Turismo

O presidente da CEG demanda máis colaboración entre universidades e empresas para apoiar aos emprendedores

A fusión das caixas e a Eurorrexión tamén tiveron cabida no relatorio de Antonio Fontenla

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 26/02/2010
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla Ramil, ofreceu este venres un relatorio sobre Como afortalar o sistema produtivo galego? nunha sala ateigada de xente, dentro das actividades do I Foro Galego de Economía e Empresa, coordinado polo profesor de Economía Aplicada, Santiago Lago, que foi o encargado de presentar a sesión xunto con María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Durante a súa intervención, o presidente dos empresarios galegos fixo fincapé na necesidade de achegar máis axudas para os emprendedores, “para o que é necesaria unha maior implicación e colaboración por parte das universidades e as empresas”, subliñou Fontenla, que salientou a importancia de impulsar as iniciativas da “xente que non ten medo ao fracaso”. Así mesmo, fixo referencia ao escaso número de sociedades de inversión e risco “o que agrava esta situación”, posto que son moitos os requisitos necesarios para poder acceder a unha empresa, “e isto desanima aos emprendedores”. Por este motivo, Fontenla puxo de manifesto o labor da confederación encamiñado ao apoio dos emprendedores e gabou a iniciativa do sector feminino por estar máis comprometido coa causa, “xa que hai un número máis acusado de emprendedoras” apuntou o presidente da CEG.

Debate sobre a fusión das caixas

A fusión entre Caixanova e Caixa Galicia tamén tivo cabida no relatorio impartido por Fontenla, quen deixou claro que a Confederación de Empresarios de Galicia non tomara ningunha postura ao non acadar unaminidade, “polo que dende a confederación deixamos liberdade para a toma de decisións. O que non queriamos era impoñer a nosa opinión a algunha das provincias que non podía estar de acordo con ela” manifestou o presidente da CEG. Ante a posibilidade de que a Lei de Caixas proposta pola Xunta plasmase literalmente outras leis de caixas doutras comunidades, Fontenla amosouse contrario a esta medida, pero non a unha posible fusión, posto que “nós o que pretendemos e que, mellor que ter dúas ou ningunha, preferimos ter unha única caixa galega que teña fortaleza e sexa soberana, que participe e que achegue e protexa aos empresarios e á sociedade, que é o máis importante” subliñou Fontenla.

Relacións empresariais co país veciño

Durante a súa intervención, o presidente da CEG referiuse positivamente á relación empresarial entre Galicia e o norte de Portugal manifestando que “creo firmemente na Eurorrexión posto que é un tema enriquecedor para os empresarios galegos e lusos”. Pero Fontenla tamén expuxo as diferenzas entre ambas zonas á hora de formular proxectos comúns, nos que “os galegos achegamos sempre un 70% na toma de decisións” . Este feito ten a súa causa principalmente no país veciño “que non ten moi asumida a Eurorrexión porque son moi centralistas e a súa toma de decisións depende en gran medida de Lisboa, mentres que Galicia ten máis autonomía neste termo” expresou Fontenla.
Ademais, o presidente da confederación falou do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular como “unha realidade que está aí e que non podemos obviar” e no que “aínda queda traballo por diante”, debido á vantaxe do país luso fronte á comunidade galega por contar cunha cidade como Porto, “unha área con máis dun millón de habitantes que conta cun aeroporto internacional moi importante” argumentou Fontenla. Por este motivo, o presidente da confederación estableceu como primordial a necesidade galega de coordinar a estratexia de transportes do Eixo Atlántico no referente ao termo aeroportuario e ao sistema ferroviario interior na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “para conseguir un bo nivel de competitividade, xa que non posuímos unha gran cidade que lle faga fronte a Porto”.