DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Comisión Nacional da Competencia, Luis Berenguer, profesor de luxo en Ciencias Xurídicas e do Traballo

Fixo unha firme defensa da figura do “chivato” como clave na loita contra o abuso de posesión domina

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/10/2008

O presidente da Comisión Nacional da Competencia, CNC, Luis Berenguer, converteuse hoxe nun profesor de luxo para os estudantes de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que recibiron, de man da maior autoridade nacional sobre o tema, unha completa clase sobre a Lei de Defensa da Competencia e os dous anos de andadura da CNC.
Entre as principais actuacións emprendidas pola Comisión Nacional ao longo deste ano Berenguer destacou un estudo sobre a adquisición e explotación de dereitos audiovisuais do fútbol, no que o profesor da Universidade de Vigo, Julio Costas, conselleiro da Comisión, actuou como poñente.
Ante a folga xeral de transportistas que paralizou a medio país, a Comisión realizou tamén, a petición do Ministerio de Fomento, un estudo sobre o transporte de mercancías. “Eles pedían que o goberno establecese unhas tarefas mínimas, pero nun sector liberalizado non se poden establecer os prezos por lei”, asegurou.
Entre os casos que máis polémica suscitou, Berenguer citou o informe sobre os servizos e os colexios profesionais, así como outro traballo sobre a competencia do transporte interurbano de viaxeiros de autobús en España. Ademais, a Comisión publicou tamén unha serie de recomendacións para unha nova regulación máis eficiente e favorecedora da competencia, “trátase de chegar a conseguir que as propias normas que dita a administración non contribúan a diminuír a competencia”, subliñou.

29 expendientes sancionadores desde o 2005

No tempo que leva en funcionamento a Comisión Nacional, creada no 2005, resolveu 29 expedientes sancionadores, 19 a iniciativa da propia CNC e 10 tras recibir denuncia. “Realizamos 41 inspeccións domiciliarias, máis das que nunca se tiñan producido”, afirmou.
En relación ás denuncias recibidas, Berenguer fixo unha forte defensa do chamado “programa de clemencia”, que introduce na nosa normativa unha figura de orixe moi anglosaxona, os chamados arrepentidos ou chivatos, aqueles que tendo formado parte dun cárter, denúnciano e facilitan a documentación necesaria para probalo, podendo acadar a redución da multa ata un 50%. “Esta figura foi obxecto de numerosas críticas, pero comprobouse que nos demais países da Unión Europea fora moi efectiva e, ata o momento, aquí tamén estamos moi satisfeitos e cremos que está tendo efecto”, explicou o presidente da Comisión.
Como anécdota, Berenguer tamén comentou que o día seguinte de aprobarse a lei fixéronse colas na Comisión para facer denuncias, “se ben non podo dar detalles, xa que podedes comprender que son expedientes tramitados con gran confidencialidade”.

Obxectivos de futuro

Ademais da persecución de condutas anticompetitivas e do control das posibles concentracións e das axudas públicas, Berenguer fixo fincapé no importante papel da Comisión á hora de levar a cabo a difusión da cultura da competencia. “É imprescindible que todas as empresas sexan conscientes de que determinadas condutas son ilegais e prexudican enormemente ao mercado e, en definitiva, aos consumidores”, subliñou.
Como obxectivos de futuro Berenguer destacou tamén seguir consolidando as novidades postas en práctica, “os cambios para ser eficaces han de ser paulatinos”, e sobre todo, “seguir perseguindo as condutas máis daniñas”.