DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús López Cabeza cursou no campus pontevedrés o Máster en Investigación en Comunicación

O presidente da FORTA escolleu á Universidade de Vigo para formarse en comunicación

Considera que a formación achegada vai ser “de grande axuda” na súa actividade profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 19/09/2012

Proba de que a oferta académica da Universidade de Vigo se coñece máis aló das fronteiras galegas, é que acolla durante o curso a estudantes doutras rexións. É o caso de Jesús López Cabeza, novo presidente da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos, FORTA, que vivindo na comunidade aragonesa optou por matricularse no Máster en Investigación en Comunicación da Universidade, impartido na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra. Coñecedor da vida universitaria, o director xeral da Corporación Aragonesa de Radio e Televisión escolleu este posgrao pola adecuación do seu plan de estudos á formación complementaria que buscaba, “de grande axuda para mellorar a miña actividade profesional”, comenta.

Ademais da idoneidade do plan de estudos, López Cabeza decantouse por comezar os seus estudos de doutoramento no campus pontevedrés pola modalidade semi presencial e pola proximidade territorial que tiña con algúns dos profesores que forman parte do corpo docente do mestrado. Tras culminar os seus estudos no pasado mes de xullo co seu traballo final sobre as televisións públicas autonómicas, o director da FORTA fai un balance moi positivo do seu paso pola Universidade de Vigo. “Cursei un posgrao no que se achega un enfoque actual e rigoroso da man dun profesorado moi competente”, apunta López Cabeza. Pola súa banda, a directora do Máster en Investigación en Comunicación, Mercedes Román, agradece que “confiase” nesta institución para completar a súa formación, “o que fala ben da calidade dos nosos estudos”, engade.

Interese pola carreira investigadora

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, López Cabeza considerou imprescindible afondar e especializarse no eido da comunicación “xa que para poder xestionar con eficacia calquera empresa é necesario comprender e coñecer o sector no que se compite”, subliña, de aí que decidira completar a súa formación como economista cos coñecementos do mestrado, “que me axudaron a comprender mellor a actual sociedade da información e as novas tecnoloxías, tanto redes sociais como novas formas de publicidade que estenden a súa influencia neste mundo globalizado de hoxe en día”. Con experiencia no mundo universitario, foi profesor asociado das universidades de Zaragoza e San Jorge, busca iniciarse na carreira investigadora para proximamente doutorarse.

Nomeado no pasado mes de xullo presidente da FORTA, López Cabeza ten como obxectivo para estes seis meses que dura o seu mandato traballar na transferencia de coñecemento entre todas as corporacións, ademais de relanzar o intercambio de contidos tanto nas televisión como nas radios de carácter autonómico. Tamén aspira a “dar unha maior visibilidade e coñecemento” dos contidos de “servizo público” que levan a cabo estes medios autonómicos a modo de “escaparate da diversidade” de España.

Un mestrado xa consolidado

A piques de comezar un novo curso, o Máster en Investigación en Comunicación cumpre o seu cuarto ano de vida con preto de 50 alumnos inscritos no seu período de doutoramento “e oito xa defenderon a súa tese dende que comezamos en 2009”, salienta a profesora Román. Coas clases de Manuel Martín Algarra inaugurarase unha nova promoción do mestrado que conta cunha vintena de alumnos a espera dun terceiro prazo de preinscrición, que se abrirá do 27 de setembro ao 1 de outubro.