DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada académica na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia defende a capacidade de futuro do dereito civil galego

Estivo acompañado polo fiscal Xefe da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 05/09/2012
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, e o fiscal xefe da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, visitaron este mércores a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no marco da xornada académica O futuro do Dereito, unha actividade coa que o centro inaugura o novo curso e retoma o ritmo habitual do período académico.

A capacidade de futuro do Dereito Civil de Galicia centrou a intervención do presidente do Tribunal Superior de Xustiza que manifestou sentirse moi cómodo no mundo universitario “non en van son profesor asociado na Universidade da Coruña desde fai xa moitos anos e imparto tamén algunha docencia na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela”.

“Creación propia do pobo galego”

Segundo a visión do maxistrado galego, que foi presentado pola decana do centro, Ana María Pita, o dereito civil de Galicia é unha creación propia do pobo galego “e así se recoñecía xa no século XIX”. Como dereito regulador das relacións entre individuos particulares, o “dereito foral propio de Galicia”, como subliñou Cadenas, xurdiu ao longo dos séculos na medida en que a súa necesidade se fixo patente fronte a un dereito que por ser común negaba as peculiaridades deste territorio. Froito pois da realidade social, o presidente do TSXG fixo un percorrido histórico no que non pasou por alto a data de 1963, cando se aprobou a Compilación do Dereito Civil de Galicia e “anos máis tarde a Constitución veu a reflectir a realidade de existencia dun dereito civil propio galego”.

Coa mirada posta no futuro, o fiscal Xefe da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, achegou a súa visión sobre a orientación que parece están a tomar os diferentes procedementos xudiciais.

A visita de ambos xuristas espertou gran expectación no centro ata o punto de que o salón de graos quedou escaso para acoller aos asistentes, maioritariamente alumnado, pero tamén cunha ampla presenza do equipo de profesorado.