DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica participa na 21ª edición desta feira

O presidente de Uruguai coñece en Termatalia o traballo investigador da UVigo

Luis Lacalle foi unha das autoridades que xa visitou o stand da Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 05/10/2023

Do 4 ao 6 de outubro, Uruguai acolle a celebración da 21ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia, organizada por Expourense. A cita é estes días epicentro do termalismo internacional, coa participación de profesionais e entidades dunha vintena de países, entre elas a Universidade de Vigo. No arranque este mércores do certame, o stand da UVigo recibiu a visita de, entre outras autoridades, Luis Lacalle, presidente de Uruguai, e Tabaré Viera, ministro de Turismo deste país. Na visita, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, tivo a oportunidade de presentarlles a institución académica, explicándoselles como a UVigo está entre as 600 mellores universidades do mundo, tal e como recolle o ránking de Shanghai. Entre outros aspectos, o vicerreitor trasladou ao presidente e ao ministro uruguaios como “somos referentes en investigación” en diferentes eidos e como a Universidade aposta polo desenvolvemento da colaboración público-privada.  

En Termatalia a Universidade de Vigo conta cun posto no que, alén de dar unha visión xeral da institución académica, céntrase en presentar o seu proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Igualmente, a institución académica participa no IV Congreso Internacional sobre Agua y Salud que se celebra nesta feira, feira que ten entre os seus eixos estratéxicos a capacitación profesional. Neste congreso, Francisco Javier Rodríguez Rajo ofreceu o mércores unha conferencia titulada A auga como orixe dun campus de especialización universitaria: Campus Auga. Nela explicou ao público asistente como o Campus Auga “é un foco de especialización multidisciplinar, en temáticas relacionadas coa auga” que supón “a primeira iniciativa de especialización dun campus periférico do Sistema Universitario Galego”. Este proxecto, sinalou, promove, con financiamento da Xunta de Galicia, “a singularidade e diferenciación de Ourense como campus universitario apoiándose nas vantaxes competitivas da súa contorna, é dicir, a gran riqueza termal, mineromedicinal e fluvial da provincia”.

Por parte da UVigo tamén participa neste congreso José Ángel Cid, profesor asociado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense cunha dilata traxectoria profesional tamén como CEO da empresa de xeotermia e termalismo Xeoaquis. No seu caso ofrecerá o venres unha conferencia sobre captacións termais protexidas e caracterización físico-química de recursos hidrotermais. Nela abordará como “os establecementos balnearios realizan un uso terapéutico das augas minero-medicinais e/ou termais, polo que resulta esencial deseñar e executar captacións protexidas nos mananciais termais co obxecto de conservar intactas as súas características físico-químicas, que son a base do uso terapéutico final destas augas”.