DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da celebración este luns do 20 aniversario do recoñecemento do seu parque nacional

O presidente da Xunta coñece de primeira man o proxecto arqueolóxico do GEAAT en Ons

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo interveu nel en 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 04/07/2022

Este luns, a illa de Ons acolleu a visita de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co gallo da conmemoración do 20 aniversario do recoñecemento do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, do que forma parte esta illa. Durante a visita, os responsables institucionais tiveron a oportunidade de coñecer o xacemento arqueolóxico no que traballa neste enclave o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo de man de Adolfo Fernández, director do proxecto.

Durante o ano 2021, o GEAAT levou a cabo en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dúas intervencións arqueolóxicas na illa de Ons co obxectivo de coñecer mellor a historia desta illa. Unha delas localizouse na praia de O Canexol, onde se coñecía a existencia de restos de época romana identificados como unha factoría de salgadura de peixe. Nesta zona realizáronse dúas sondaxes, unha completa prospección xeofísica ao longo de todo o camiño que discorre pola praia e unha limpeza e rexistro de todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil. A outra intervención centrouse no castro do castelo dos Mouros. Está prevista a continuidade do proxecto tanto con novas escavacións como co deseño e a creación dunha ruta sinalizada e con información sobre os novos restos descubertos. O obxectivo do proxecto é, mediante a arqueoloxía, sacar á luz o pasado antigo de Ons e converter a súa historia nun reclamo máis da illa.