DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Núñez Feijóo felicitou a Salustiano Mato pola consecuión de CEI

O presidente da Xunta confía en que Campus do Mar se converterá nun proxecto “diferenciador e competitivo”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/11/2010
O presidente da Xunta manifestou hoxe o apoio do executivo autonómico ao desenvolvemento do proxecto de Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo e que conta coa participación da USC e a UDC, o CSIC e o IEO, e expresou a súa confianza en que se converta nun proxecto “diferenciador e competitivo”. Así o resaltou na xuntanza que mantivo co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na que puxo en valor este proxecto e o potencial que ten para Galicia, dado o vínculo especial que esta ten co mar.

No encontro, Núñez Feijóo felicitou ao reitor polo recoñecemento que obtivo o Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional o pasado mes e outubro e salientou a importancia de que outras entidades como o CSIC ou o sector privado axuden a dar pulo a este proxecto, aínda que recoñeceu que, ao mesmo tempo, ha de ter capacidade de atraer recursos para autofinanciarse. Feijóo sinalou, ademais, que cómpre que o Campus do Mar “se acomode ao obxectivos e instrumentos” da Axencia de Innovación e ao propio Plan Galego de I+D elaborados pola Xunta, e se dote “dunha estrutura xurídica sui géneris”, que lle garanta “unha xestión eficiente e independente” da universidade.

Apoio no eido internacional

Núñez Feijóo reiterou que a Xunta seguirá apoiando o Campus do Mar, non soamente no contexto do Sistema Universitario de Galicia senón, tamén, no eido internacional e, moi especialmente, no contexto da Macrorrexión. Neste sentido, avanzou que está prevista a creación dun grupo de traballo en materia de “educación, universidades e investigación”, no que poderán desenvolver proxectos as universidades pertencentes ás comunidades autónomas participantes na Macrorrexión, ademais da Comisión de coordinación e desenvolvemento rexional do norte de Portugal.

O titular da Xunta subliñou o valor da unidade coa que se desenvolveu este proxecto e valorou moi positivamente que se sumasen esforzos e se traballase conxuntamente entre todas as partes implicadas e destacou que con este novo Campus de Excelencia Internacional o sistema universitario galego “se sitúa como referente internacional de calidade no eido da docencia e, moi particularmente no da investigación”.