DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Xunta gaba a excelencia dunha Universidade con clara proxección internacional

Núñez Feijóo reta a Salustiano Mato a dar continuidade ao traballo e esforzo do seu predecesor

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío  DUVI 18/06/2010

“Unha universidade de calidade e excelente cunha clara proxección internacional”, así definiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a Universidade de Vigo no acto de toma de posesión como reitor de Salustiano Mato, a quen lle propuxo o reto e a responsabilidade de dar continuidade ao traballo, esforzo e dedicación do anterior reitor.
Nunha intervención na que non faltaron eloxios para a institución académica viguesa, o presidente da Xunta lembrou que en materia de investigación científica, a Universidade de Vigo está desenvolvendo unha actividade destacada entre os principais centros universitarios, subliñando o feito de que das oito agrupacións estratéxicas de investigación que promove a Xunta de Galicia, Vigo lidera catro nas especialidades das tecnoloxías da información, alimentación, biomedicina e ciencias do mar. Fixo tamén referencia ao punto de vista internacional, lembrando que centros de Estados Unidos, Italia, Portugal, Francia, Gran Bretaña e Alemaña, entre outros, asinan coa Universidade numerosos proxectos de coautoría.
Tampouco faltaron referencias ao proxecto estratéxico da Universidade de Vigo, o Campus do Mar, ao que se referiu como “a aposta pola especialización e non pola duplicidade” e remarcou que é “xustamente a especialización o que precisa o sistema universitario galego”.
En relación ao proceso de adaptación do ensino superior ao EEES, Feijóo considerou que debe constituír unha fonte de oportunidades “e facer así máis fácil que as nosas universidades ocupen un lugar de liderado no sistema universitario español e internacional”.

Reta a Mato a “facer máis con menos”

No que se refire aos temas de financiamento o presidente insistiu en que as dificultades económicas que se viven no país neste intre, “unha etapa especialmente dura”, obrigan a unha diminución das partidas destinadas a Educación, se ben insistiu en que os recursos destinados ao sistema universitario galego “son sempre un investimento e nunca un gasto”. En todo caso retou ao novo reitor a “facer máis con menos” e, apropiándose dunha frase empregada habitualmente por Mato, a “suar a camiseta”, ao que puntualizou “non te preocupes, somos varios”.

Tradición e modernidade no SUG

Referíndose ao sistema universitario galego coma “un perfecto reflexo do que é a nosa comunidade”, o presidente do executivo galego fixo fincapé en que as tres universidades galegas combinan a tradición e a modernidade e fano formando un conxunto que vai gañando en harmonía e cooperación. “Creo en Galicia como unha realidade global. Nin a Galicia global nin o sistema universitario galego negan a personalidade propia de cada cidade, territorio ou universidade”, sinalou ao que engadiu, “esa personalidade só medra e se enriquece coa cooperación”.