DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo grupo de investigación SiDOR con motivo do seu 25 aniversario

Prestixiosos especialistas en Estatística participan no campus nun taller internacional sobre análises de supervivencia

Este tipo de estudos aplícanse en infinidade de ámbitos: medicina, enxeñaría, economía...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/11/2023

A análise de supervivencia é o campo da Estatística que se ocupa do estudo do tempo que transcorre entre eventos e aplícase en infinidade de ámbitos. En Medicina, por exemplo, permite medir a eficacia de tratamentos ou cuantificar o éxito das cirurxías; en enxeñaría emprégase para estudar a fiabilidade de sistemas; en economía para a análise do tempo de desemprego… Presentar os últimos avances acadados nesta ciencia é o obxectivo  do taller internacional WSA2023 sobre análise de supervivencia, un encontro que reúne este xoves e venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a unha trintena de especialistas chegados de distintos países: Dinamarca, Bélxica, Portugal, México e España (País Vasco, Madrid, Andalucía, Cataluña e Galicia).

Organizado con motivo do 25 aniversario do grupo de investigación SiDOR, adscrito ao CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, “trátase dun encontro dun altísimo nivel científico”, explica o catedrático Jacobo de Uña, responsable do grupo e coorganizador das xornadas xunto co profesor e investigador de SiDOR Juan Carlos Pardo, director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa. Xunto a eles a inauguración do encontro contou coa participación da vicedecana de Relacións Internacionais, Carmen Otero Neira, que lle deu a benvida aos asistentes e agradeceu a SiDOR a organización da xornada.

“Queriamos reunir a un bo número de recoñecidos investigadores”

“Queriamos reunir a un bo número de recoñecidos investigadores e investigadoras en análise de supervivencia para compartir coñecemento e avanzar na obtención de resultados concretos e así o fixemos”, explica de Uña, facendo fincapé en que este grupo de investigación organiza periodicamente encontros de investigación na cidade de Vigo, xuntanzas coas que “comunicar avances recentes e fomentar a colaboración científica” e, neste caso, decidiuse centrar a xuntanza nunha das liñas fortes do grupo, a análise de supervivencia, liña integrada no proxecto Mecanos3 que financia o Ministerio de Ciencia e Innovación, e que dirixen os propios Juan Carlos Pardo e Jacobo de Uña.

Nesta ocasión, ademais das conferencias de prestixiosos investigadores e investigadoras “a nivel nacional e internacional”, os organizadores da xuntanza abriron a posibilidade de que o alumnado de doutoramento poida tamén presentar os seus estudos neste encontro, o que supón “unha oportunidade única para estes estudantes polo feedback que van obter por parte de científicos de enorme percorrido e pola experiencia da que van desfrutar”.

SiDOR, 25 anos de experiencia e moitas perspectivas de futuro

Este taller internacional serve tamén para celebrar as vodas de prata do grupo SiDOR (Statistical Inference, Decision and Operations Research), un equipo de investigación creado no 1998 por un grupo de matemáticos, “cinco mozos doutores con moitas ganas de formar na Universidade de Vigo un grupo de Estatística potente”. A partir de entón, o grupo foi medrando ata obter en 2008 o recoñecemento de Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia e, a día de hoxe, está formado por máis de trinta investigadores/as e colaboradores/as, moitos deles e delas exercendo o seu labor docente no Mestrado en Técnicas Estatísticas e no Programa de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa que ofrece a UVigo, así como participando no CINBIO, a quen lle achega todo o seu coñecemento bioestatístico, e no ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial).

“Despois destes 25 anos de actividade vémonos como un grupo novo, activo, comprometido coa ciencia e en constante crecemento”, explica o seu coordinador, Jacobo de Uña, ao que engade que a relevancia que teñen os métodos da Estatística e da Investigación Operativa no mundo actual, “gobernado polo almacenamento e a explotación de grandes bases de datos e pola optimización de sistemas de gran complexidade”, fanos ser moi optimistas respecto ao papel clave que seguirán tendo as súas contribucións científicas en ámbitos como a saúde, a enxeñaría ou a economía. “Pola nosa banda continuaremos traballando, desde unha perspectiva de mérito e internacionalización, os catro pilares fundamentais do SiDOR: formación, investigación, transferencia e divulgación”.