DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan os mellores equipos de fútbol 7 e fútbol sala das ligas internas da UVigo

Preto de 120 deportistas disputan en Pontevedra o torneo Intercampus

Os gañadores competirán no Campionato Galego Universitario 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 16/02/2023

Sete equipos, integrados por preto de 120 estudantes dos tres campus da UVigo, compiten este xoves en Pontevedra no torneo Intercampus, no que se decide que conxuntos representarán á Universidade nas competicións de fútbol 7 e fútbol sala do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos. O torneo reúne os mellores equipos das ligas internas nestas dúas modalidades, as únicas que se desenvolveron nos tres campus da institución académica no presente curso. No seu conxunto, estas competicións contaron coa participación dun total de 1030 estudantes, 945 homes e 85 mulleres.

Como explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus pontevedrés, Gustavo Loureiro, nesta edición decidiuse limitar o Intercampus a estas dúas disciplinas deportivas, xa que foron as únicas que contaron con ligas internas nos tres campus e serán as dúas “nas que os campións participen no Campionato Galego Universitario”, que neste 2023 organiza da Universidade de Santiago de Compostela. No resto das modalidades, sinalara , a UVigo “acudirá cunha selección” a un torneo que se desenvolverá no campus de Lugo os días 7 e 8 de marzo..

Dúas sedes

Nunha xornada na que se busca tamén promover “a convivencia entre os diferentes participantes”, o Intercampus desenvólvese en dúas sedes de xeito paralelo. Por unha banda, no campo da Xunqueira ten lugar a competición de fútbol 7, na que se miden os gañadores das ligas de Pontevedra e Ourense e os dous mellores equipos do campus vigués. Por outra, o Pavillón Universitario acolle ao longo da xornada o triangular que enfronta aos gañadores das ligas internas de fútbol sala. 

Nos tres campus, as ligas universitarias de fútbol 7 contaron coa participación de 56 equipos, mentres que as de fútbol sala reuniron 31, aos que se suman os oito equipos que participaron nos torneos de baloncesto e voleibol do campus de Vigo. En conxunto, as ligas universitarias contaron no curso 2022/2023 coa participación dun total de 95 equipos e 1030 deportistas.

Dobre vitoria para Pontevedra

Tras a disputa, na tarde deste xoves, dos partidos finais nas dúas competicións, serán finalmente os dous equipos do campus pontevedrés os que representen á Uiversidade no campionato galego. No caso do fútbol 7, Pontevedra impúñase na final por 2-0 a Ourense, despois de ambos superasen nas semifinais aos dous representantes do campus de Vigo, os primeiros por 4-0 e os segundos por 2-1.

No caso do fútbol sala, o nome do gañador decidiuse tamén no enfrontamento, esta tarde, entre Pontevedra e Ourense, que rematou cunha vitoria por 4-2 para os primeiros. Previamente, ambos conxuntos pecharon con empate a dous os seus partidos co equipo de Vigo.