DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo recibiu do Ministerio de Transportes 1,1 m€ para organizar 21 accións formativas ata 2025

Preto de 200 persoas participaron nos primeiros cursos de dixitalización e sustentabilidade no ámbito do transporte e a mobilidade

Xa está aberto o prazo de preinscrición para as novas edicións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
M. Del Río DUVI 05/04/2024

O pasado curso a UVigo foi unha das 16 universidades españolas beneficiarias das axudas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, con cargo a fondos europeos, para impartir formación en materia de dixitalización e sustentabilidade no ámbito do transporte e a mobilidade. Un enorme éxito para institución, xa que a achega de preto de 1,1 millóns de euros permitirá a organización de 21 accións formativas ata 2025. As primeiras edicións deses cursos xa tiveron lugar e os seis que se ofertaron cubriron todas as súas prazas, chegando a preto de 200 persoas. 

Agora, case todos teñen xa aberto o prazo de preinscrición para as segundas edicións, que comezarán maioritariamente no mes de maio, con 15 créditos, de balde e abertos a toda a cidadanía europea ou residentes no territorio español, sen necesidade da ABAU ou de formación universitaria previa. O obxectivo da Universidade de Vigo con este tipo de iniciativas é impulsar a formación permanente, tanto da comunidade universitaria como da sociedade en xeral, potenciando a formación ao longo da vida, neste caso, en contidos relacionados coa dixitalización, o transporte, a loxística e a mobilidade.

189 persoas matriculadas nas primeiras edicións

Como explica María José Moure, directora do Centro de Posgrao e Formación Permanente, “todos os cursos cubriron prazas na primeira edición e, de feito, en moitos ampliouse a matrícula. A acollida foi moi boa, sobre todo tendo en conta a existencia de moitos programas formativos a nivel nacional que xurdiron vencellados aos fondos europeos Next Generation. A excelente valoración da proposta formativa da Universidad de Vigo feita polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, acadando unha das mellores puntuacións entre as universidades presentadas, xa adiantaba a interese destes cursos na sociedade”.

O campus de Ourense foi o que acolleu o groso dos cursos, catros dos seis que se ofertaban. O de Comunicación Dixital para a Mobilidade contou con 22 persoas matriculadas; o de Dixitalización do Sector de Transporte e Loxística, con 24; Infraestrutura de Datos Aplicados ao Transporte, 32 alumnos e alumnas e o de Transformación Áxil de Organizacións con 41. En total, no campus de Ourense participaron nestas accións 119 persoas. A estes catro cursos hai que sumar o de Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, que se impartiu na Facultade de Comercio con 35 inscritos e inscritas e o de Tecnoloxías de dixitalización aplicadas á loxística industrial, ofertado na Escola de Enxeñería Industrial con 35 persoas matriculadas.

Unha experiencia satisfactoria

Como explica a directora do CPFP, en xeral o alumnado que participou nas primeiras edicións valora moi especialmente o alto grao de especialización e a calidade da docencia. Ademais, engade, “a diversidade do profesorado, moitos deles recoñecidos como referentes no seu ámbito, contribuíu en gran medida a enriquecer a experiencia educativa”. Outro aspecto moi valorado, especialmente no curso de Dixitalización do sector do transporte e loxística, é o seu carácter altamente práctico.
 
Respecto do perfil do alumnado, Moure salienta que se trata de cursos abertos a toda a cidadanía, dado que non se require ter estudos universitarios previos e tampouco ter superadas as probas EBAU. Ademais estas formacións proporcionan competencias dixitais moi transversais aplicables no eido do transporte pero tamén en moitas outras áreas. Por todo isto, “o perfil das persoas participantes é moi diverso, desde profesionais propios do sector do transporte e a loxística ata estudantes universitarios ou de formación profesional ou persoas traballadoras en ámbitos moi diferentes que queren ampliar os seus coñecementos e mellorar así as súas perspectivas profesionais”. Esta variedade de perfís, engade, “enriquece notablemente o ambiente de aprendizaxe”. No caso concreto do curso de Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, “esta mestura de formacións académicas e profesionais proporcionou unha contorna de aprendizaxe dinámica e colaborativa, onde cada estudante puido achegar perspectivas únicas e enriquecer o debate arredor dos desafíos da mobilidade do futuro”.

Nos cursos que se imparten no campus de Ourense, o alumnado pode escoller entre a modalidade presencial ou en liña, o que se traduce en que o estudantado está distribuído por toda a xeografía nacional, aínda que hai unha maior porcentaxe de alumnado galego.

As novas edicións, a partir de maio

Despois da boa acollida da primeira convocatoria, o Centro de Posgrao e Formación Permanente ten aberto o prazo de inscrición para unha segunda edición do cursos, que serán os mesmos que o ano pasado. Unicamente se realizarán cambios para axustar temporalizacións e actividades de acordo á experiencia das primeiras edicións e tamén para axeitar o contido as diferentes inquedanzas do alumnado dado que pertence a colectivos moi diversos. En todo caso, salienta Mª José Moure, “a experiencia destas formacións servirá para elaborar novas propostas de títulos do Centro de Posgrao e Formación Permanente, como por exemplo pode ser un curso de seguridade nos medios loxísticos”.

Neste momento está aberta ata o 2 de maio a inscrición das segundas edicións das catro accións formativas organizadas pola Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense. Está previsto que as clases comecen o 6 de maio en modalidade mixta, é dicir, en formato presencial e en liña simultaneamente. Pola súa banda, a segunda edición do curso Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, organizado pola Facultade de Comercio, comezará en setembro, aínda que as persoas interesadas xa poden facer a súa inscrición. Finalmente, o curso que se imparte na Escola de Enxeñería Industrial, Tecnoloxías de dixitalización aplicadas á loxística industrial, dado que terá menos edicións que os outros, aínda non abriu a segunda edición, que está prevista que saia a principios do ano 2025.

En total van a ser 21 edicións entre os seis cursos que finalizarán no primeiro semestre do ano 2025.