DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa publicación hoxe dos censos electorais provisionais arranca o proceso que rematará o 4 de maio

Preto de 20.500 membros da comunidade universitaria poderán elixir o vindeiro reitor da UVigo

No caso das eleccións a Claustro teñen dereito a voto 20.118 persoas 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/02/2022

20.491 persoas, segundo os censos provisionais publicados hoxe, poderán votar nas eleccións a reitor da UVigo, que se celebrarán o vindeiro 4 de maio. No caso das eleccións a Claustro, que terán lugar o mesmo día, o número de membros da comunidade universitaria que, segundo os censos provisionais, poderán exercer o seu dereito a voto é de 20.118, 373 menos que no caso do proceso electoral a reitor, porque o alumnado do Programa Universitario de Maiores non participa na elección dos membros do máximo órgano de control e representación da comunidade universitaria. Coa publicación este venres dos censos provisionais ábrese o calendario electoral, que rematará o 11 de maio coa proclamación definitiva de resultados.

Segundo os censos provisionais publicados hoxe, nas eleccións a reitor poderán exercer o seu dereito a voto 907 persoas do sector PDI-A (Profesorado doutor con vinculación permanente á universidade); 1077 do PDI-B (restante persoal docente e investigador); 16.697 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1034 de 3º ciclo e 776 PAS (Persoal de Administración e Servizos). No caso do proceso electoral para a elección dos membros do Claustro as cifras son as mesmas, excluíndo os 373 matriculados no Programa Universitario de Maiores. 

Respecto das anteriores eleccións a reitor, celebradas en 2018, nos comicios do 4 de maio deste ano o número de persoas con dereito a voto increméntase en 200. Un aumento derivado basicamente do incremento de persoal no PDI-B, que pasou de 713 en 2018 a 1077 en 2022. 

Calendario electoral 

Logo da publicación este venres dos censos provisionais, do 21 ao 25 de febreiro está establecido no calendario electoral o prazo de reclamacións aos censos, cuxa publicación definitiva está fixada para o 11 de marzo. Do 14 ao 18 de marzo o calendario establece o prazo de presentación de candidaturas, que serán proclamadas definitivamente o 5 de abril. Do 19 de abril ao 2 de maio desenvolverase a campaña electoral, á que seguirá o día 3 a xornada de reflexión, o día 4 de maio terá lugar a votación para a elección de reitor e Claustro e o 5 de maio a proclamación provisional de resultados, que serán definitivos o 11 de maio.

Coa aprobación o 1 de febreiro en Consello de Goberno do calendario das eleccións a representantes de Claustro, e da confirmación por parte de Manuel Reigosa da convocatoria de eleccións a reitor, púñase en marcha o proceso polo que a comunidade universitaria elixirá  por novena vez o seu reitor e os e as integrantes do máximo órgano de representación e control da institución académica. Despois da súa elección como reitor o 23 de abril de 2018, Manuel Reigosa volverá a concorrer, polo momento en solitario, ao cargo, logo de ser proclamado por aclamación, o pasado mes de novembro, candidato de H2040.