DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación acolle de novo este evento centrado no principal xestor de contidos web

Preto de 250 persoas formaranse en creación de contidos na única WordCamp de Galicia

Coas inscricións abertas, desenvólvese entre este venres e domingo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/09/2023

A creación de contidos será neste 2023 o eixe da WordCamp Pontevedra, un evento centrado nas múltiples aplicacións do xestor de contidos de código aberto máis empregado no mundo para a creación de espazos web, WordPress, que se desenvolverá na Facultade de Comunicación entre este venres 15 e o domingo 17. Promovido pola comunidade WordPress de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo e da Fundación WordPress, trátase do único evento destas características que se desenvolve en Galicia e que conta, a día de hoxe, con preto de 230 inscritos e inscritas. Preto de 30 conferencias sobre creación de contidos, posicionamento web ou aplicacións da intelixencia artificial integran o programa dun evento que mantén aberta a súa inscrición, cun prezo reducido para as e os integrantes da comunidade universitaria.

A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o representante do comité organizador Wajari Velásquez presentaron este mércores na Casa das Campás a sexta edición deste evento, xurdido do convenio de colaboración asinado en 2018 entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress. “Xa son varios anos os que vén realizándose este evento, cuns resultados estupendos a nivel social e tamén para a propia Universidade, porque reforza o seu papel de transferencia e tamén polas posibilidades de aprendizaxe que supón para alumnado e profesorado”, salientou a vicerreitora. Lantarón valorou así mesmo o feito de que a WordCamp teña como sede un campus que centra o seu proxecto de especialización na creatividade, aspecto no que incidiu tamén Torres, que salientou que esta iniciativa permite “converter a Facultade de Comunicación no epicentro da creación de contidos, que é o obxectivo fundamental da formación" que se imparte no centro. Ao mesmo tempo, a decana fixo énfase tamén no valor que ten para a facultade a colaboración cos e coas profesionais que colaboran e participan nesta cita e que permiten “ter unha rede de contactos con persoas de referencia no ámbito da creación de contidos, das tecnoloxías e do software”, contribuíndo á conexión de alumnado e profesorado “coa realidade do que está pasando fóra”. 

Formación e cooperación

Ao igual que en 2022, a WordCamp contará este venres 15 cunha xornada previa, con inscrición gratuíta, na que as persoas interesadas poderán en primeiro termo iniciarse “desde cero” no manexo deste xestor de contidos, nun taller impartido por “un dos maiores blogueiros de WordPress en lingua hispana, Fernando Tellado”, como explicou Velásquez. Xa pola tarde, tanto as e os participantes neste taller como outra persoa interesada poderán tomar parte nun hackatón no que poñer en práctica os coñecementos adquiridos traballando na elaboración dos espazos web de tres asociacións sen ánimo de lucro. “Parécenos algo precioso que poidamos terminar a xornada e que asociacións locais poidan ter unha presenza dixital que antes non tiñan”, salientou Velásquez, que ademais de ser un dos responsables da organización é tamén profesor no Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.

Para a xornada de sábado, programaronse un total de 28 conferencias e coloquios, que terán lugar de xeito simultáneo en dous espazos da facultade. “Un programa ambicioso” no que haberá espazo para falar , como apuntou Velásquez sobre “a introdución da intelixencia artificial na creación de contidos, temas de redes sociais, SEO...”, ao igual que sobre comercio electrónico, elaboración de podcast ou deseño web.

Finalmente, o domingo terá lugar o chamado Día do Contribuídor, no que as e os participantes traballarán na creación e mellora de ferramentas e aplicacións para este xestor de código aberto, cuxo crecemento está ligado en boa medida ao traballo voluntario das comunidades articuladas en torno a WordPress.

Prezo reducido para a comunidade universitaria

Alén de todo isto, a WordCamp é tamén “a festa das comunidades WordPress de toda Galicia”, como sinalou Velásquez, que lembrou que este evento é posible grazas á colaboración tanto da Universidade como de “moitos patrocinadores e colaboradores”. Esta permite que a inscrición na WordCamp, que continúa aberta, teña un prezo de 25 euros para ao público en xeral e de 10 para as e os integrantes da comunidade universitaria. Alén disto, tamén continúa aberta a inscrición no taller e o hackatón do venres, de carácter gratuíto.